Home » Exposicións » PACO PESTANA. O CURTO VOO DUN PASPALLÁS

PACO PESTANA. O CURTO VOO DUN PASPALLÁS

Imaxe: Paco Pestanas. O curto voo dun paspallás

1 febreiro – 31 marzo, 2024
Salas 4 e 5. Primeira planta

Esta exposición, comisariada por Cristina Carballedo, parte de revisitar o proxecto plástico e vital do artista Paco Pestana, a través dunha aposta expositiva que xira arredor de obras, documentación e outros elementos do artista, que se atopan en coleccións particulares, tentando amosar a intensa personalidade deste artista nun percorrido pola arte a través da amizade. Non se trata dunha exposición antolóxica senón dun roteiro emocional por pezas de persoas que compartiron amizade, traballo, experiencias ou proxectos co artista.

Neste senso concíbese un proxecto multidisciplinar que vai dende a grande contribución escultórica ata traballos noutros soportes que se completan cun apartado audiovisual onde o creador amosa parte do seu discurso plástico e mesmo a súa postura vital arredor da arte e de conceptos como a identidade e o territorio.

Por outra banda a mostra ten unha intención detonante tentando reivindicar o traballo dun artista fundamental na plástica contemporánea galega que sentou conceptos que seguen funcionando como base de novas achegas ás xeracións actuais.

Pestana foi un artista difícil de encaixar que transcendeu a súa propia obra que, no espazo da Fundación Eugenio Granell, adquire un especial significado, xa que atopou no surrealismo un lugar común co que identificarse. Dende a mostra a comezos do 2000, “Paco Pestana. A estela do delirio”, iniciou unha relación persoal coa obra de Granell e coa propia Fundación.

FOLLETO