
25 outubro, 2023 – 14 xaneiro, 2024
Salas 4 e 5. Primeira planta
A Fundación Eugenio Granell presenta, o 25 de outubro, a exposición MIRADAS. RETRATOS DO PENSAMENTO, un proxecto multidiciplinar conformado polas obras dos xoves artistas, Lidia Amado, Manuel Balsas, Pablo Biyurami, Andrea Botella, Pedro Bouza, Ana Domínguez e Andrés Urbieta, que poderá visitarse, nas salas 4 e 5 da primeira planta, ata o 14 de xaneiro do 2024.
Este proxecto forma parte de “Artista en Residencia” (na súa VII Edición) sendo o resultado da estancia dos artistas nas dependencias da Fundación Eugenio Granell para desenvolver as súas diferentes propostas.
A mostra, de corte intimista, propón unha interiorización da mirada tanto do artista como do público. Unha porta de entrada á esencia mesma do suxeito. Unha crítica indirecta á frívola sociedade robotizada que planea a usurpación da identidade e a sensibilidade, tanto colectiva como individual. Cuestiónanse polo tanto os modos de ver e de sentir preestablecidos, presentándose así ante o espectador unha realidade constituída por cada unha das subxectivas, diversas e diferentes miradas dos artistas participantes.
Lidia Amado introduce, a través da pintura e a fotografía, o concepto de monstruosidade mediante a representación dos corpos e as súas deformacións, situados en enigmáticos espazos, para expoñer unha realidade e identidade en dúbida que sofre unha constante metamorfose. O traballo de Manuel Balsas xira arredor da pintura, a escultura e a instalación, explorando as posibilidades da obra a través de diversos obxectos e a súa relación co espazo e o espectador. Por outra banda, Pablo Biyurami pretende difuminar, a través da danza, os límites entre as paisaxes que nos rodean, o corpo humano e os planetas. No universo creado, dous seres ecuatidimensionais habitan un cráter e relaciónanse mediante o movemento. Andrea Botella desenvolve un proxecto experimental multidisciplinar (que aborda dende a poesía ata a escultura e a pintura) no que os temas centrais son: a busca e a reivindicación da beleza, a crítica social a través do absurdo e a exploración emocional a través da introspección; tratando temas como a enfermidade mental, a vida cotiá, a natureza e o amor. Pedro Bouza presenta ilustracións a modo de tríptico que, inspiradas no famoso cadro de Descartes sostendo un libro no que se pode ler mundus est fabula, pretende poñer de manifesto o carácter teatral, ficcional e conceptual do mundo humano que habitamos. Por outra parte, Ana Domínguez presenta un políptico pintado ao óleo sobre o que comenta ‘as miñas obras pretenden enmarcar a perda da identidade en rostros de xoves”, aos que define como noveis no ámbito laboral e obxectivos principais da tristeza imposta a súa entrada na vida adulta. “O seu debut non so reprime a súa individualidade senón que mitiga a súa infantil e inadecuada ilusión ante esta nova etapa coa intención de convertelos nun máis”. Por último, Andrés Urbieta centra a súa mirada na cidade e na maneira de interpretala para invitar a reflexionar sobre a relación entre o real e o representado. A súa obra xoga coa identidade dos obxectos atopados que interpreta como símbolos que aluden a unha realidade. A súa vez, transfórmaos mediante pintura ou colaxe.
Lidia Amado
INSTAGRAM DOS ARTISTAS
andrea_botella
_lidiaamado
pablo.biyurami
laanadomi andresurbieta
bouzxa
balsasmanuel_