Home » Biografía

Biografía

historia biografia

Eugenio Fernández Granell nace na Coruña en 1912. Fillo de María e Eugenio, será o maior de cinco irmáns. A súa infancia desenvólvese en Santiago de Compostela, onde estuda bacharelato e comeza os seus estudios musicais.

En 1928 trasládase a Madrid e continúa os seus estudios de violín na Escola Superior de Música, cunha bolsa da Deputación da Coruña. É alumno de Antonio Fernández Bordás e coñece o compositor e director de orquestra, Enrique Casal Chapí.

Participa en faladoiros políticos e literarios, reúnese cos irmáns Dieste, Carlos Gúrmendez, Santiago Arbós Ballesté, Urbano Lugrís en La Granja El Henar e é habitual noutros cafés, como El Molinero, El Negresco ou Madrid. O seu interese pola política pono de manifesto ingresando na Oposición de Esquerda e, en 1935, no POUM (Partido Obreiro de Unificación Marxista), liderado por Andrés Nin e Joaquín Maurín. Será precisamente nun acto político onde coñece a Pierre Mabille, que será o seu primeiro contacto co Surrealismo, ademais dalgúns números da revista surrealista Minotaure, mostrados polo seu amigo ourensán, Cándido Fernández Mazas.

Co estoupido da Guerra Civil, en 1936, incorpórase ás milicias republicanas, dirixe o xornal El Combatiente Rojo e colabora con outros periódicos, como La Nueva Era, Hora de España e o diario La Batalla.

En 1939, inicia o seu exilio. Sae de España por Plats de Molló e, despois de percorrer diversos campos de concentración en Francia, consegue escapar e chega a París, onde se reencontra con Benjamín Péret e Wifredo Lam. De París marcha a Burdeos, e embarca desde alí rumbo a Chile. A negativa deste país a acoller máis republicanos españois fai que Granell e a súa futura dona, Amparo, arriben á República Dominicana e que se instalen na súa capital, Ciudad Trujillo. Granell entrará a formar parte, como primeiro violín, da Orquestra Sinfónica fundada por Casal Chapí. Vaise integrando no ambiente cultural dominicano e asóciase ó grupo literario de vangarda, a través de La Poesía Sorprendida, revista que crea xunto a Alberto Baeza Flores, na que participan, entre outros, Juan Ramón Jiménez, Jorge Guillén e Pedro Salinas.

Un acontecemento decisivo levarao a comprometerse co Surrealismo cara ó ano 1941. André Breton chega de La Martinica, fuxindo da contenda europea, acompañado da súa dona, Jacqueline, e da súa filla, Aube, de Pierre Mabille, de Victor Serge e do seu fillo, Vlady, e da escritora Anna Seghers. Granell entrevista para o periódico La Nación a Breton, Mabille e Victor Serge.

A súa primeira exposición colectiva terá lugar en 1943, na Galería Nacional de Belas Artes. A esta seguiralle unha segunda, no Ateneo Dominicano, e unha individual, na que presenta arredor de duascentas obras na Galería Nacional de Belas Artes, de Santo Domingo.

En 1946, despois de negarse a asinar unha carta de adhesión ó réxime do dictador Trujillo, Eugenio Granell e a súa familia trasládanse a Guatemala. Alí ingresa como profesor na Escola de Artes Plásticas, onde mantén unha intensa actividade cultural, colabora na Radio Nacional de Guatemala, publica artigos nas revistas Plástica e Revista de Guatemala e participa na creación de AGEAR (Asociación Guatemalteca de Escritores e Artistas Revolucionarios).

En 1947, coa exposición “Le Surréalisme”, na galería Maeght de París, organizada por André Breton e Marcel Duchamp, intégrase activamente no movemento surrealista.

Tralo estoupido da revolución guatemalteca e, escapando da persecución stalinista da que é obxecto, Granell e a súa familia trasládanse a Porto Rico, onde ocupará a cátedra de Historia da Arte, na Facultade de Humanidades, sendo reitor Jaime Benítez. Publica nestes anos Illa Cofre Mítico e participa en diferentes exposicións colectivas na universidade portorriqueña. Crea o grupo El Mirador Azul, formado por estudantes, algúns dos cales contribuíron á formación da arte portorriqueña actual. Terá ocasión de realizar diversas viaxes; por exemplo, a Nova York, a onde vai co pintor Vela Zanetti, amigo ó que coñeceu durante o seu exilio na República Dominicana; ou a París, acompañado dun grupo de estudantes da universidade e expón na Galería L’Etoile Scellée, colaborando co grupo surrealista.

En 1957, a Fundación William e Norma Copley de Nova York concédelle un premio de pintura, sendo directores da Fundación Marcel Duchamp e Darius Milhaud e conselleiros desta, Jean Arp, Alfred Barr, Max Ernst, Julien Levy, Roberto Matta, Roland Penrose, Man Ray e Herbert Read. Continúa, ademais, coa súa actividade literaria e publica ese mesmo ano, en México, La novela del indio Tupinamba.

Ó ano seguinte trasládase a Nova York e ingresa, máis adiante, como catedrático de literatura española no Brooklyn College desta universidade. Tras estudar Socioloxía na New School for Social Research, publica en 1967 a súa tese de doutoramento Sociological Perspectives of Guernica. A esta séguenlle outras publicacións: El Clavo, Lo que sucedió… (premio de novela Don Quixote, en México), Federica no era tonta y otros cuentos, La Leyenda de Lorca y otros escritos.

No ano 1962 incorpórase ó grupo surrealista Phases de París, dirixido por Eduard Jaguer, e realiza numerosas exposicións colectivas por todo o mundo.

A partir de 1985 instálase definitivamente en España. Recibe numerosos premios como: Artes Plásticas da Comunidade de Madrid, Pablo Iglesias das Artes, Medalla Unión Fenosa, Medalla de Ouro de Belas Artes, outorgada polo Consello de Ministros, Gerión’99, concedido por El punto de las artes, Medalla de Ouro do Círculo de Belas Artes.

En 1997 é nomeado fillo adoptivo da cidade de Santiago e concédeselle a Medalla de Ouro ó Mérito Cultural da dita cidade. Pouco antes, en 1995, establécese en Santiago a Fundación Eugenio Granell, que alberga unha colección de obras do propio artista, as súas coleccións surrealista e étnica e, a partir de 1997, as obras doadas polo artista surrealista Philip West.

Desde os seus inicios, a fundación levou a cabo unha intensa actividade, na que deu a coñecer as diferentes facetas artísticas de Granell. Múltiples exposicións foron mostrando as facetas máis coñecidas, pero tamén as máis descoñecidas, deste polifacético artista. Granell estreouse no teatro coa súa obra, La cámara negra, representada polo grupo de teatro afeccionado Minerva. Tamén tivemos ocasión de comprobar o seu interese polo cine, coa exposición Imaxes do soño en liberdade. O cinema de Eugenio Granell, mostra que presenta as súas películas experimentais e surrealistas realizadas nos anos sesenta en NovaYork.

Eugenio Fernández Granell falece en Madrid el 24 de outubro de 2001. A Xunta de Galicia concédelle, a título póstumo, a Medalla de Ouro de Galicia 2001, pola súa traxectoria no mundo das artes.

FOLLETO BIOGRAFÍA

Nunha carta a André Breton (30 de Setembro, 1959) e en relación á morte de André Péret, amigo de ambos:

“No estaba obsesionado con la idea de la muerte, pero sí lo he estado con la idea de la amistad, que ha sabido estar a la altura de la dignidad humana, pura y simplemente. Lo cual, en mi opinión, es una cualidad muy rara al ser necesarias, al menos una inteligencia y valentía que sólo se pueden encontrar juntas en los individuos más excepcionales.” Eugenio Granell