Home » Exposicións » UN LATEXO, UNHA DENTADA, UN ERUCTO

UN LATEXO, UNHA DENTADA, UN ERUCTO

Imagen: un latexo, unha dentada, un eructo

22 febreiro – 21 abril, 2024
Sala 1. Segunda planta

A exposición Un latexo, unha dentada, un eructo, da artista Pía Piadosa comisariada por María Moreno Bueno, poderá visitarse ata o 21 de abril, na Sala 1 da segunda planta do museo.

Esta mostra reflexiona sobre o ‘anatómico’ entendido como espazo xeográfico e fronteirizo dende o que a artista se conforma a si mesma de maneira persoal e individual, convidando ao debate sobre a precariedade e a autoxestión que rodea ao mundo da arte e a dificultade que sofren os e as artistas noveis á hora de profesionalizar o seu traballo. A mostra presenta dende unha perspectiva crítica e irónica, unha produción aparentemente amable para afrontar as problemáticas relacionadas coa creación contemporánea.

Pía Piadosa, sitúase nas marxes do académico dende ámbitos como a publicidade, a dirección de arte ou o cinema. Unha aposta multidisciplinar onde conviven a cerámica, a ilustración, a poesía e a animación, entre outras. O seu discurso nace da curiosidade polo que nos rodea no día a día, o que podemos ver e recoñecer como parte da nosa vida. Como ela ben define: “Observo con fascinación o cotián porque o xenuíno é tamén (e, sobre todo) algo de andar por casa”.

Na súa traxectoria cabe subliñar a súa participación en distintas exposicións como  Así Cazan Artistas Boas na Galería Solaina, Lugo (2021), ou Las Tropigóticas regresan de la tumba, Mala Sombra, Panamá (2023). Por outra banda, o seu traballo forma parte de diversas convocatorias e atópase en distintas coleccións públicas e privadas.

FOLLETO