
21 marzo, 2024 – 2025
Sala Philip West. Primeira planta
A Fundación Eugenio Granell presenta a exposición Philip West. O corpo da máquina, un proxecto comisariado por Eduardo Valiña que supón unha investigación a través da presencia da máquina na obra de Philip West.
O artista inglés, nacido en 1949, e falecido en Zaragoza en 1997, recrea así un mundo fantástico no que os personaxes imaxinarios adquiren condición de realidade e os obxectos cotiáns contémplanse dende unha visión innovadora que lles confire un halo de ficción. A súa imaxinación lévao a plasmar nas súas pinturas numerosas confrontacións metafóricas.
Xa os seus primeiros debuxos basculan entre dúas linguaxes antagónicas que coexisten de forma máis ou menos implícita ao longo de toda a súa obra. Elementos cunha minuciosidade descritiva e expositiva de aparencia científica aparecen nestas obras de Philip West, onde a súa propia visión imaxinada do subconsciente, pero á vez dotada de elementos de referencias comúns, outórganlle un carácter de universalidade.
Marcel Duchamp, pioneiro do ready-made, introduciu un tipo de arte que se caracteriza pola inclusión en obras de arte de obxectos que carecen, aparentemente, de valor artístico. O mesmo obxecto pode ser toda a obra en si, e, en ningún momento, enmascárase a integridade orixinal da materia. O ready-made foi adoptado tanto polo surrealismo como polo dadaísmo debido ao seu carácter pouco convencional e de controversia, que se opón aos principios artísticos clasicistas decimonónicos.
Nunha era completamente materialista na que existe unha alta reprodución dos obxectos, é case imposible ter unha opinión obxectiva dos bens de uso cotián, polo que o ser humano foi desenvolvendo sentimentos de pertenza cara os mesmos.
Dende o punto de vista artístico, utilizar unha máquina de coser, unha agulla ou un garfo descontextualizado do seu día a día, é un recurso que intriga e inquieta ao espectador. Trátase dun xogo de provocación constante.
Artistas surrealistas como Philip West non buscan aportar un maior significado simbólico a ditos obxectos. As máquinas, a tecnoloxía, forman parte dun imaxinario surrealista que mestura materias reais con espazos irreais, ao poñelos en relación con corpos seccionados, insectos, paisaxes e fondos estraños como a solapa dunha camisa.
O encontro dos opostos, de realidades contrarias, humanas e autómatas, únense dando forma a estrañas paradoxas, algo tan propio do surrealismo, e que en West reitérase de diversas formas: unha bala de ollo humano, unha man-rifle, un insecto-chisqueiro, un zapato de muller pistola, unha maleta-eiruga, un ferro de pasar-buque a beiras dunha praia, un tren descarrilando no interior dun peixe, un esqueleto atravesado por unha agulla, un teléfono atravesado por un anzol.
Eduardo Valiña. Comisario