Home » Actividades » ENCONTROS AMERICANOS NA GRANELL

ENCONTROS AMERICANOS NA GRANELL

Imaxe: Encontros americanos na granell

“Pasado e presente da economía cubana (1959-2023)”
Manuel de la Iglesia, José Antonio Alonso, Liliam Boti

Martes 28 de novembro, 19.00h

Co motivo do centenario do nacemento de Regino Boti, ministro de economía no goberno cubano nado da Revolución e testemuña privilexiada dos enfrontamentos que deron lugar á invasión da Praia Girón en 1961, a mesa redonda aborda a evolución económica de Cuba desde o momento no que se efectuaron, de acordo coas propostas de CEPAL, os primeiros intentos para industrializar o país ata a actualidade, deténdose nos principais momentos de cambio e nos posibles escenarios que se debuxan cara ó futuro.

Manuel de la Iglesia Caruncho é economista, politicólogo e escritor; traballou durante quince anos coa Cooperación Española en América Latina. José Antonio Alonso Rodríguez é Catedrático de Economía Aplicada na Universidade Complutense de Madrid, prolífico autor no seu campo, ocupou postos de responsabilidade académicos, institucionais (Cooperación Española) e internacionais, como membro do Committee for Development Policy de Nacións Unidas, entre outros. Lilian Mariana Boti Llanes, avogada cubana, filla de Regino Boti, amplamente coñecedora da obra do seu pai e da súa transcendencia política e institucional.

Os Encontros Americanos na Granell teñen como fin ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través dun programa de conferencias mensuais que abordarán temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo.
Os Encontros teñen lugar na Fundación Eugenio Granell, organizados polo Grupo de Historia de América (HistAmérica) da USC, e cofinanciados pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través da súa convocatoria de axudas de dinamización cultural.
Os seus participantes son especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, así como profesionais vencellados á realidade da rexión nas súas múltiples facetas.

PROGRAMA