Home » Actividades » Presentación do “Dicionario de Surrealismo e Surrealistas”

Presentación do “Dicionario de Surrealismo e Surrealistas”

O vindeiro día 26 de febreiro ás 12.00 horas, no Consello da Cultura Galega, Edicións A Nosa Terra e a Fundación Eugenio Granell, presentan a publicación “Dicionario de surrealismo e surrealistas”, realizado por Xesús González Gómez, acreditado especialista internacional no movemento surrealista.

O acto será presentado por Xosé Enrique Acuña, Director literario de Ediciónsa A Nosa Terra. Contará coa presenza de Natalia Fernández Segarra, Directora da Fundación Granell, co autor do volume, Xesús González Gómez, e co senlleiro intelectual galego Isaac Diáz Pardo, membro do Padroado da Fundación Granell.
O Dicionario, concíbese como unha contribución monumental e inédita na produción editorial sobre este movemento, a máis de ser unha edición internacional homologada que nun futuro será traducida a outras linguas.
A obra de Xesús González Gómez é a recompilación máis documentada, até a data, realizada cal dicionario de autor, sobre a totalidade das traxectorias do surrealismo e as vidas dos surrealistas no mundo e na sociedade.
Segundo a editorial A Nosa Terra: A importancia da publicación do volume en Galiza ven dada pola presenza no noso tecido cultural e institucional da Fundación Eugenio Granell, dedicada á figura que máis nidiamente emparenta o noso país co surrealismo.
A Fundación Gramell asume a co-edición desta obra xunto a Edicións A Nosa Terra, e baixo o patrocinio persoal de Natalia Fernández Granell.
Como é ben sabido, un dos obxectivos prioritarios que definen o contido identitario e a actividade da Fundación Eugenio Granell, é a constante defensa e posta en valor da ética e da estética que debeñen do movemento surrealista.
En palabras de Enrique Acuña: O Dicionario do Surrealismo e surrealistas incide na mesma liña de traballo que a Fundación, a cal ten demostrado sobradamente a busca da excelencia na súa investigación do movemento surrealista coa publicación deste volume ao abeiro institucional. Algo confirmado tamén no apio a esta iniciativa de Edicicóns A Nosa Terra.
O surrealismo foi un movemento artístico, político e cultural que marcou ás vangardas do século XX. Os seus posicionamentos perante á arte, a literatura e a súa filosofía de vida, aniñaron con forza en propostas posteriores: influencias que hoxe son desveladas e argumentadas por Xesús González Gómez.
Tanto a historiografía dos albores do movemento, coma a dos os seus anos de esplendor e seu desenvolvemento recente, están presentes no Dicionario do Surrealismo e Surrealistas; o cal afonda, no Surrealismo, e nas figuras dos homes e mulleres que formaron parte do movemento ao longo do século XX.