Home » Exposicións » Contemplando as trenzas do soño

Contemplando as trenzas do soño

Colección Eugenio Granell. Fondos da Fundación
23 xaneiro, 07 – maio, 08

As catro pezas pequenas que están á entrada da sala, Descanso en las nubes (1942), Jinete del aire (1944), Pesca maravillosa (1945) e Palabras de Amparo (1946), pertencen aos anos nos que o artista empeza a súa andaina como pintor na República Dominicana.
En 1946 marcha para Guatemala onde a súa obra comeza a cobrar novas formas. Dous anos despois, en 1948, pinta Ensayo provisional de la concepción del mundo, unha das súas obras máis importantes sobre a que o propio artista dixo en 1993: “Este cadro resume toda a miña obra. É un cadro que puiden vender en moitas ocasións, pero sempre gustoume moito. Agora creo que sei por qué. Porque resume toda a miña obra. Á esquerda unha nube enriba e abaixo unha nube-pedra que me lembra a cando camiñabamos na cidade de Guatemala e, a causa da brétema, non podiamos ver os nosos pes. A figura da dereita é a primeira das miñas figuras. Esta está núa e agora vístoas, pero é a orixinal”.
Entre esta obra primeira e as outras que mostramos, Granell pasa por varias etapas: a de obras de metamorfose, carnosas e vexetais á vez, e as paisaxes máxicas que pintou nos anos sesenta en Nova York. Nos anos setenta regresa finalmente á figura do Ensayo provisional… época na que crea moitas das súas obras máis enigmáticas e persoais.
A diferenza das obras da exposición anexa -os debuxos e as construcións- nas que, como di, Monse Cea, comisaria da mostra: “a concepción espacial é tamizada polos procesos de construción da imaxe plástica surrealista baseados na creación dunha imaxe pura, primixenia, arrancada directamente do cerebro”, os óleos mostrados nesta sala quedan moi afastados desa imaxe pura e primixenia. Aínda que a obra tivera un inicio espontáneo, cando o artista ponse ante o lenzo, non pode evitar enchelo todo; como se lle tivera medo ao baleiro.
Nunha entrevista de Javier Ruiz no Diario 16, 1993, Granell comenta:
 “A min a solemnidade e a cerimonia parécenme inventos extraordinarios. Son elementos que contribúen a dignifica-la vida humana. Nos pobos primitivos, as cerimonias son a súa exaltación do que eles fan e daquelo no que cren. Nós os surrealistas sempre tivemos diante os pobos primitivos… No meu caso particular, a antropoloxía está en toda a miña obra…
Non é que eu pintase unha cerimonia, senón que eles mesmos son… elementos da súa propia cerimonia. Iso é. A isto contribúe posiblemente o estatismo das figuras… En tantos… lugares da miña pintura, as figuras están galvanizadas, como acuñadas. Eu coido que a pintura é a única arte que petrifica ese instante que reflicte a pintura. Nada de antes nin de despois. Hai cadros de anécdota, un tema bíblico, por exemplo, e sabémo-la historia que representa, pero non o sabemos polo cadro, sabémolo por outros medios”.