Home » Exposicións » CORPOS RECORTADOS. AMPARO SEGARRA

CORPOS RECORTADOS. AMPARO SEGARRA

Fotografía: Corpos recortados. Amparo Segarra


16 marzo, 2023 – 2024
Sala Amparo. Segunda planta.

A Fundación Eugenio Granell presenta a exposición Corpos Recortados de Amparo Segarra. Un proxecto comisariado por Eduardo Valiña que poderá visitarse no segundo andar do museo, na sala Amparo Segarra.
A exposición componse dunha selección de obras nas que Amparo Segarra, a través das súas colaxes ofrece unha reflexión arredor do corpo humano como eixe central de parte das súas composicións.

O corpo nu, masculino e feminino, nas diferentes etapas da vida, enteiro, fraccionado ou creado a partir da unión dos diferentes xéneros para concibir unha nova imaxe que demanda a artista dende a diversidade e o respecto cara a muller e as minorias.

Neste senso a muller represéntase como artífice das composicións fronte a unha masculinidade dominante que Segarra afronta dende diferentes ópticas para denunciar a discriminación sexual nas diferentes partes do mundo.

Por outra banda a mostra complétase con pezas que xogan coas ironías a través da unión de distintos elementos xerando un humor ácido en relación á imaxe masculina ou de forma sarcástica aos desequilibrios sociais onde as mulleres son presentadas como as principais vítimas do sistema.

Segarra comezou o seu traballo plástico en unión con Eugenio Granell interesada pola técnica da fotomontaxe. Nos anos 50, realizaba colaxes destinadas ao ensino do alumnado do pintor pero o período máis frutífero da súa obra foi o que comprende desde o seu traslado a Nova York en 1956, ata a súa volta a Madrid, en 1985. Nas primeiras composicións dos anos 50 traballou conxuntamente con Granell compoñendo a parte da colaxe e Granell a parte pictórica. Era unha iconografía feminina que mostraba mulleres de clase alta, protagonistas desas revistas, polo que o seu traballo ten unha lectura de clase. A maioría da súa produción foi durante a súa estancia en Nova York onde se aprecia a influencia da arte pop. Abandona os fondos con debuxo e pintura para substituílos por recortes de revistas con composicións máis precisas e cunha mensaxe máis profunda. As mulleres seguiron sendo as protagonistas das súas composicións e tratou temas como a cousificación, o consumo de drogas, os valores relixiosos, o uso do burka ou a identidade sexual a través de figuras andróxinas. Foi actriz de teatro desde 1944 a 1969, durante as súas estancias en Porto Rico e Nova York. E tamén confeccionou o vestiario dalgunhas desas obras teatrais. Volveu a España no 1985 e instalouse en Madrid ata o seu falecemento en 2007.

Eduardo Valiña
Comisario

FOLLETO