Home » Exposicións » AMPARO SEGARRA. A colaxe e a arte étnica

AMPARO SEGARRA. A colaxe e a arte étnica

16 marzo, 2017- 12 abril, 2018 Sala Amparo Segarra. Segunda Planta

A exposición Amparo Segarra. A colaxe e a arte étnica inicia o seu percorrido cunha vitrina que contén varios elementos, unha fotografía de Amparo na súa casa de Nova York, rodeada dunha serie de obxectos étnicos que ela mesma distribuíu e colocou minuciosamente. Nesta fotografía, Amparo posa xunto a moitas das pezas que actualmente forman parte dos fondos da Fundación Eugenio Granell: cadros, obxectos africanos e unha grande árbore da vida mexicana. Este interese polo étnico reflíctese na biblioteca de Granell e exemplifícase co libro Magic Books from México (1953). Ademais, podemos ver tres fichas do arquivo persoal de Granell con recortes de xornais da venda de tres máscaras africanas. Nas colaxes de Amparo destaca o uso de imaxes de distintas etnias que moitas veces contrapón culturalmente con personaxes que se afastan temporal e xeograficamente. Sobre a vitrina exponse a colaxe Sin título, que podería relacionarse co ámbito doméstico de Granell, na que destaca unha parella nun cuarto cuxas paredes están totalmente decoradas.
A continuación, atopámonos cunha serie de obras que escenifican paisaxes húmidas e frondosas que poderían facer referencia á cultura latinoamericana. É o caso de Señora camuflada e La botita de la marquesa (1982). En Lechuza solitaria, a vestimenta e o cabelo trenzado da personaxe feminina fan que a alusión a América latina sexa moito máis evidente, do mesmo xeito que sucede en el Huevo de Colón (1989). Esta parte da mostra complétase coa gran máscara do Diablo Yaré de Venezuela, unha peza para danzas populares, realizada en papel maxé pintado.
Na seguinte parede, a gran máscara de Antílope Karanse articula o espazo. Foi realizada pola sociedade Wango, pertencente aos Mossi de Burkina Fasso, en África Occidental. Estas máscaras utilizábanse en rituais de fertilidade da terra. Os cornos asócianse á figura dun antílope macho, que representa a fertilidade e a fecundidade e, ademais, atribúenselle poderes divinos. No lado esquerdo, atopamos paisaxes desérticas, como en No es la isla de Pascua (2006), xunto a un castelo do deserto na colaxe Sin título e escenarios pouco fértiles coma en Cactus. Estas escenas contrapóñense co lado dereito, con colaxes moito máis fecundas. En Conejo atrapado, aparece unha gran diversidade de animais. Debaixo, Sin título, con representacións de alimentos e de mulleres como provedoras de vida. Ademais, podemos establecer un paralelismo entre a calidade ritual da máscara e as vestimentas dos personaxes. Por último, na colaxe Sin título descubrimos un escenario de campos verdes e unha muller aleitando o seu fillo, tamén relacionado coa fecundidade.
Continuando o percorrido pola exposición, podemos contemplar catro colaxes que poden aludir a África, Cebras perdidas, Sin título, De Egipto hasta el autobús e Caballos pastando, que presentan toda unha serie de animais coma cabalos, cebras, dromedarios e búfalos. A maioría destes utilízanse como medio de transporte e contrapóñense con elementos dun mundo máis industrializado, con engrenaxes de turbinas e autobuses. Estas contraposicións culturais e temporais son típicas das colaxes de Amparo Segarra.
Seguidamente, observamos un grupo dedicado aos indíxenas americanos, dos Estados Unidos, no que destacan as kachinas: Oso, Pahana e Ogresa. As kachinas son os espíritos dos antepasados dos indios hopi de Novo México. Durante as danzas rituais, os indios hopi vístense coas roupas das kachinas. Estas bonecas son copias a escala dos danzantes e moitas veces representan animais, deuses ou fenómenos naturais coma o sol, a alba etc. Son regalados aos nenos que contemplan as cerimonias e cada un dos bonecos é pintado e realizado de maneira individual cunha variadísima tipoloxía e morfoloxía. A continuación, un grupo de tres colaxes que representan os movementos migratorios, La emigración de las aves (2005), cunha paisaxe estadounidense de fondo que se repite en Llega la caravana (2004) e Las monjas de clausura se divierten (2004). Nesta última colaxe, un grupo de relixiosas camiña entre as montañas; de novo, establécese unha analoxía espacial coas pezas anteriores.
Por último, dúas colaxes e a máscara de mourería Mono, realizada en Guatemala e que se utilizaba para a Danza do Venado. Durante a súa estancia en Guatemala, os Granell tiveron contacto co peculiar mundo das danzas indíxenas e conseguiron facerse con varias destas máscaras, que hoxe pertencen á Fundación Eugenio Granell. Son moitos os recortes que Amparo utilizou de monos, e así o vemos nas colaxes A favor del viento (2004) e Sin título.

 

INICIO Amparo Segarra FIN INICIO Colección étnica FIN INICIO Amparo Segarra FIN   INICIO Colección étnica FIN   INICIO FIN       INICIO FIN

Aquí aparecerá el título