
16 marzo, 2017 – 12 abril, 2018 Salas 2 e 3. Segunda planta
Teño un pequeno caderno de meu pai no que anotou títulos para varias exposicións. O caderno é pequeno e, tanto a portada como a contra portada, en amarelo e marrón, anuncian:
“Nestlé. Nesquick instantáneo”. Imaxino que viría cunha lata ou cunha botella deste produto en po. Ao meu pai gustáballe moito o chocolate. E esta vez chegaba cunha sorpresa extra: un caderno pequeno!
Ademais de La aventura humana, aparecen outros títulos neste caderno pequeno, como Ciclo americano e, debaixo deste, máis títulos das súas obras, como Los tesoros de la selva e Cabezas de indio; Cosas e invenciones, con suxestións como: La gran lechuga del Prado e Presencia de la sombra.
Baixo o título da nosa exposición, La aventura humana, anotou as seguintes obras: Paolo Uccello suelta…., El último héroe, El bandido de Córdoba, Crónica de los fiscales… Isto representou un gran reto para min e, humildemente, lanceime a crear unha lista. A cousa foi fácil. Nos títulos do meu pai abundan referencias literarias, históricas e míticas; a súa gran capacidade intelectual abarca toda “a aventura humana”. Dividín as obras da listaxe que atopei en diversos grupos para facilitar o meu traballo.
A exposición, formada por 35 pezas dos fondos e por máis de 25 documentos dos fondos da Biblioteca e do Arquivo de Eugenio Granell, iníciase no descanso da segunda planta coa colaxe Apuntes del mundo tal cual es (1960).
Na sala 2, agrupei primeiro personaxes que Granell pinta sós no cadro, coma o do xa citado e moi coñecido pola súa beleza e riqueza de cor, Paolo Uccello, e a este séguelle a espléndida narrativa da serie do Bandido de Córdoba, representada por dúas obras.
Na sala 3, a continuación deste primeiro grupo, centrado en personaxes masculinos, situei outro formado por unha variedade de mulleres portentosas e impresionantes.
Prosigo coa serie Música que está precedida pola última muller do grupo anterior, Armida, muller inventada por Torquato Tasso para a súa ópera Jerusalén liberada, obra que inspirou despois a moitos outros compositores.Como é ben sabido, Granell estudou violín e a súa paixón orixinal era ser un gran violinista. Tanto en Santo Domingo coma en Guatemala e, como xa fixera en España na revista PAN, Granell exerceu o labor de crítico de música. Así, na vitrina, ademais dos dous retratos do seu amigo Enrique Casal Chapí, incluímos fotografías de músicos dedicadas a Granell, así como algunha crítica publicada.
A continuación, preséntanse unha serie de obras dedicadas á arte —escultura, arquitectura e pintura— e, polo menos, dous artistas españois, Zurbarán e O Greco.
En toda aventura hai un heroe e nesa idea será na que me centre na primeira sala, a través dos óleos El último héroe (1956) e Memorias del último héroe (reprodución) (1973). Na entrevista que Javier Ruiz lle fixo a Granell en 1994, Granell dille: “… o nome das miñas obras é parte importante delas mesmas. Non é só o punto final”1. E, como tal, estudaremos estas obras. Igualmente, Granell coméntalle a Javier Navarro que “un cadro é coma unha xanela”2.
Os dous óleos que fan referencia ao heroe, neste caso anónimos, son singulares, pois en cada unha das obras o personaxe, o heroe, está representado pola cor branca: El último héroe (1956) e Memorias del último héroe (1973). A figura central —o heroe— está pintada en branco e, na opinión de María Zambrano, “deixar algo en branco, deixalo sen pintar, é deixalo sen dono, deshabitado. A cor en xeral, e esa cor en esencia, é a bandeira do home sen máis, é signo e sinal de que o home está alí, de que el o fixo, é o seu emblema3”. Granell non deixa o lenzo “sen pintar”, pero si pinta ambas as figuras centrais, figuras que representan máis ben un cabalo ca unha persoa; non esquezamos que no Guernica o cabalo representa o español caído, o heroe ferido.
Na primeira obra, o branco está tinguido de amarelo con pinceladas que causan un efecto de plumas. O personaxe que o monta viste unha armadura medieval e a lanza forma parte da cabeza que tamén semella un pico. Ten pezuños e está adornado por un faldrón, tamén branco. Na parte inferior, o cabalo sopórtase sobre auga e sobre terra e, ao fondo, hai unha paisaxe desértica. Segundo Lucía García de Carpi, El último héroe é un lenzo “sorprendente”. Esta obra, así como Génesis probable del blasón (1956), “son herdeiras do principio da hibridación e dos procesos metamórficos dos primeiros anos cincuenta (…) e dos debuxos que ilustran Isla cofre mítico”4.
En Memorias del último héroe, a auga atópase como fondo, xa no pasado? E o animal, máis sólido e dun branco máis contundente, atópase de pé sobre unha franxa amarela. Quizais o máis interesante é a súa cara, que é unha referencia á perspectiva que raramente aparece de tal maneira representada na obra de Granell. Pero non esquezamos que tamén utiliza este tipo de perspectiva, quizais como homenaxe, no retrato Paolo Uccello suelta una paloma.
Para J. M. Bonet, El último héroe “é un dos máis cargados de presaxios que pintou nunca…5”. Para Lucía García de Carpi, “o signo pictórico —tanto pode ser a pincelada coma o trazo—, dun formato, tamaño e orientación precisa, adquire un inusitado protagonismo6”.
Un heroe é un personaxe que “posúe habilidades e trazos de personalidade idealizados que lle permiten levar a cabo fazañas extraordinarias e beneficiosas”. O heroe ou a heroína, pois nisto non houbo diferenzas ao longo da historia, posúe unha intelixencia superior; experimentou varias veces o exilio, con frecuencia sofre unha morfoloxía marcada; o seu contrario é o inimigo, leva armas; a súa morte acostuma a ser violenta. Identificámonos con el/coa heroína porque xamais se nos presenta como superior, sempre está ao noso nivel. Ponse ao nivel da xente común. Enfróntase á vida con coraxe e réxese por valores universais. Igualmente, con algunha frecuencia, sofre o cambio de lugar, pero polo xeral desexa retornar á casa e á familia. Son seres complexos.
Ao meu modo de ver, os personaxes que Granell nos presenta e retrata nesta exposición son todos heroes, e grandes participantes na aventura humana. (Natalia Fernández Segarra. Comisaria da mostra. Directora Fundación Eugenio Granell).
1 Javier Ruiz, “El antropólogo de su memoria”, Eugenio Granell, Deputación da Coruña, A Coruña, 1994, p. 343.
2 Javier Navarro de Zuvillaga, Granell y el teatro, Fundación Eugenio Granell, Santiago de Compostela, 1997, p. 32.
3 María Zambrano, “Algunos lugares de la pintura”, España y la pintura, Acanto, Espasa Calpe, España, 1989, p. 43.
4 Lucía García de Carpi, Eugenio Granell. Fundación Cultural Mapfre, Madrid, 2011, p. 68.
5 Juan Manuel Bonet, “Un pintor poeta”. Eugenio Granell. Catálogo Fundación Cultural Mapfre, Madrid, 1989, p. 15.
6 Lucía García de Carpi, Eugenio Granell. Fundación Cultural Mapfre, Madrid, 2011, p. 67.
PERSONAXES
Sala 2
Jules Laforgue: Crítico e poeta simbolista decimonónico orixinario de Uruguai, é un dos introdutores do verso libre en Francia, xunto con Rimbaud.
Arnaldo de Vilanova: Médico, teólogo e embaixador de orixe valenciana do século XIII, foi coñecido na súa época coma o médico de reis e de papas.
Bandido de Córdoba: Personaxe da imaxinería granelliana que se relaciona cos bandoleiros do sur da España, a principios do XIX, durante o reinado de Fernando VII. Estes eran considerados populares e para Granell eran símbolos da liberdade.
Perseo: Heroe procedente da mitoloxía grega clásica, fillo de Zeus e Dánae, filla do rei de Argos. Segundo o mito grego, Perseo acabou con centos de monstros. Tras recibir o casco de Hades e as sandalias aladas, cortoulle a cabeza a Gorgona e converteu o titán Atlas en pedra para finalmente cumprir o seu destino e salvar a Andrómeda.
Paolo Uccello: Pintor e matemático italiano de Quattrocento, importante polo seu uso da perspectiva para crear profundidade nos seus cadros.
Balso Snell: Protagonista do libro The Dream Life of Balso Snell, de Nathanael West, é un mozo que busca o significado duns encontros oníricos dentro do cabalo de Troia.
Amenofis III: Faraón da dinastía XVIII de Exipto que gobernou de c. 1390/1 a 1353/2 a. Destaca pola grande actividade construtora do seu reinado, sen parangón na historia exipcia ata ese momento.
Sala 3
Hatshepsut: Reina-faraoa da dinastía XVIII de Exipto (ca. 1490-1468 a. C.), é coñecida polo damnatio memoriae ao que o seu sucesor, Tutmosis III, a someteu para poder lexitimarse no trono.
Circe: Segundo a mitoloxía grega, era unha deusa e feiticeira da illa de Eea. Na Odisea, converte os mariñeiros que acompañan a Ulises na súa viaxe en porcos, e acaba por namorarse deste último.
Isabel a Católica: Raíña de Castela, Sicilia e Aragón (1451-1504), casou con Fernando de Aragón. Durante o seu reinado, prodúcese a expulsión definitiva dos musulmáns e dos xudeus da Península, así como o descubrimento de América grazas ao apoio que esta lle proporciona a Cristóbal Colón.
Hypatia: Filósofa neoplatónica grega, ademais de destacada matemática e astrónoma, e cabeza da Escola Neoplatónica de Alexandría do século V.
Nadja: Novela autobiográfica de André Breton escrita en 1928, na que Nadja é unha moza que se atopa con Breton ao principio do libro, e a partir de aí transcorre a novela.
Genoveva de Brabante: Heroína dunha lenda medieval. A súa historia é un exemplo típico da historia dunha esposa falsamente acusada e repudiada polo testemuño dun pretendente rexeitado.
Raíña de Saba: É unha personaxe lendaria, presentada nos libros Reyes e Crónicas (na Biblia), no Corán e na historia de Etiopía. Unha raíña enigmática namorou o rei Salomón.
Carapuchiña Vermella: É a personaxe literaria do conto tradicional oral que leva o seu mesmo nome. O autor que primeiro recolleu o conto foi Charles Perrault. Despois, os irmáns Grim escribiron unha nova versión.
Armida: Ópera de Gioachino Rossini estreada en 1817. Armida é unha feiticeira damascena que desexa prexudicar as forzas cruzadas que loitan en Xerusalén.
Enrique Casal Chapí: É un compositor e director de orquestra español de conviccións republicanas que foi exiliado tras a Guerra Civil. Fundador da Orquestra Sinfónica Nacional da República Dominicana. Foi amigo de Granell en Madrid antes do seu exilio.
Zurbarán: Importante pintor do Barroco español e gran representante da arte da Contrarreforma, afástase do realismo de Velázquez a favor dun claroscuro con tons máis ácidos.
O Greco: Pintor de orixe grega de finais do Renacemento, estableceuse en Toledo (España). As súas obras caracterízanse polas figuras manieristas alongadas e moi expresivas que representan.






