Home » Exposicións » GREGG SIMPSON. The Atlantean Years, 1970-1975

GREGG SIMPSON. The Atlantean Years, 1970-1975

30 maio – 15 setembro
Salas 4 e 5. Primeira Planta

A exposición do artista canadiense Gregg Simpson titulada The Atlantean Years, 1970-1975, amosa un conxunto de pinturas e colaxes elaborados polo artista entre 1970 e 1975, influenciado pola viaxe que realizou a Europa e ao Norte de África en 1971 cunha beca que lle foi outorgada polo Consello de Canadá.
Cando Gregg Simpson realizou estes traballos atopábase inmerso no estudo da alquimia, o misticismo, o oculto e a mitoloxía. Simpson estaba particularmente interesado na lenda da Atlántida, que contén paralelismos coas historias do Xardín do Edén, os Campos Elíseos e o Xardín das Hespérides. Cada unha destas lendas simbólicas trata sobre a evolución do autocoñecemento do home, e todas representan as principais fontes da tradición oculta occidental.
Do mesmo xeito as pinturas foron creadas seguindo a tradición das colaxes pintadas a man polo pintor surrealista belga René Magritte, que tamén influíu en Simpson, xa dende a súa xuventude. Tanto nas colaxes coma nas pinturas, o artista pretende conseguir unha simplicidade minimalista que alcance o equilibrio entre as calidades máxica e formal.
A mostra complétase con material bibliográfico e documental e a exhibición do documental televisivo A Nova Arcadia. A arte de Gregg Simpson (2003) no que se pode ver a evolución do seu traballo dende o neosurrealismo de ensoño dos anos 1970 ata as obras máis abstractas de anos recentes.

Gregg Simpson: Nado en Ottawa (Canadá) en 1947, estuda co pintor Charles Stegman de Chicago e fórmase na Vancouver School of Art e na British Columbia University.
A partires de mediados da década dos sesenta xera grandes producións e os seus traballos serán expostos en museos e galerías de Canadá, Estados Unidos, Europa, Asia e Sudamérica.
A súa obra ten sido estudada na Sorbona, na Université Rabelais de Tours, na Université de Rouen e na Accademia Tiberina de Roma.
Forma parte do grupo surrealista canadense, Surrealismo Costa Oeste. Grupo que alcanzou unha notábel proxección internacional a través de dúas exposicións: “Surrealismo Unlimited: Conroy Maddox and Friends” no Cambden Arts Centre, Londres (1978), e “Other Realities: The Legacy of Surrealism in Canadian Art” nos centros culturais canadenses de París e Londres (1979). En 1981, José Pierre incluíu ao grupo da Costa Oeste nun traballo de investigación titulado Surrealism in Canada e tamén incluíu obras dos Surrealistas da Costa Oeste no seu libro de 1983 L’Universe Surréaliste.