Home » Actividades » ENCONTROS AMERICANOS NA GRANELL. A BIBLIOTECA AMÉRICA

ENCONTROS AMERICANOS NA GRANELL. A BIBLIOTECA AMÉRICA

Cartel-Encontro-28-outubro-gal
A Biblioteca América. Desafíos da conservación do patrimonio cultural
Mesa redonda — Mércores 28 de outubro, 18:00 h

No centenario da inauguración da Biblioteca América da USC (1926-2026), esta xornada abordará os desafíos da conservación do patrimonio bibliográfico e documental. O encontro comezará cun breve percorrido pola historia da Biblioteca América, seguido dunha mesa redonda con representantes de institucións públicas, bibliotecas, arquivos e coleccións particulares para compartir experiencias e debater sobre a investigación, conservación, acceso público aos fondos, así como á súa difusión. A xornada rematará cunha visita guiada á exposición “A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926” (Colexio de Fonseca).

Participantes:

  • Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega
  • Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, USC
  • Pilar Cagiao Vila, profesora de Historia de América, USC
  • Elena Díaz del Río, Galiciana – Biblioteca Dixital de Galicia
  • Cristina Lerma Rey, descendente do fundador da Biblioteca América

Modera: Nancy Pérez Rey, HistAmérica, USC

Intervención musical da Orquestra e Coro da Universidade.

Os Encontros Americanos na Granell teñen como fin ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través dun programa de conferencias mensuais que abordan temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo.

Os Encontros teñen lugar na Fundación Eugenio Granell, organizados polo Grupo de Historia de América (HistAmérica) da USC, e cofinanciados pola Vicerreitoría de Cultura, Lingua e Patrimonio.

Os seus participantes son especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, e profesionais vencellados á realidade da rexión.