
15 de outubro de 2026 – 30 de xaneiro de 2027
Salas 4 e 5. Primeira planta.
A exposición CÓMO DESAPARECER POR COMPLETO do artista Santiago Talavera é un proxecto comisariado por Eduardo Valiña que poderá visitarse do 15 de outubro de 2026 ata o 30 de xaneiro de 2027.
Esta mostra individual articúlase dende unha aposta interdisciplinar a través da pintura, o debuxo, o vídeo e o son, ofrecendo un percorrido de 20 anos de traxectoria a través de todas as súas obras, dende a máis antiga, Llegar a ser océano (2006), ata a máis recente, titulada Un lugar que no existe (2026). Invítanos a reflexionar sobre espazos e paisaxes nos que o ser humano xa non está presente. A exposición propón unha mirada sobre contornos que se converten no rastro dun acontecemento ao que sempre parecemos chegar tarde, nacendo da fascinación pola escala humana, o distópico e o que iso conleva.
A través de recursos como a miniaturización e a alteración de escalas, presentes na peza Llegar a ser océano (2006), a obra xorde como unha necesidade de comprensión nun mundo cada vez máis inabarcable. A mostra inclúe elementos como casas abandonadas, tsunamis e paisaxes en bucle. Obras como Geología de la humanidad (2019) imaxinan unha nova relación entre os restos da nosa produción material e o animal non-humano, mentres que a videocreación Hauntopolis (2020) amosa un lento percorrido por espazos atrapados nunha rede fantasmagórica de emisións e fallos técnicos.
Santiago Talavera (Albacete, 1979), licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e formado na Camberwell College of Arts de Londres, vive e traballa en Madrid. A súa traxectoria expositiva inclúe mostras individuais en centros e galerías de referencia nacionais e internacionais como a realizada na Fundación Montresso, Galería Víctor Lope, La Casa Encendida, Galería Blanca Soto, a Colección SOLO, Instituto Francés de Marrakech ou o Museo de Arte da Universidade Nacional de Seúl, entre outros. O seu traballo foi galardoado con recoñecementos como o Abierto Valencia (2021), e forma parte de coleccións institucionais e particulares como a Colección SOLO, o MAS de Santander, a Generalitat Valenciana, a Montresso Art Foundation (Marrakech, Marruecos) e a UNED.
Cómo desaparecer por completo invítanos a ollar a nosa existencia dende outra escala, reflexionando sobre os nosos residuos, a sobreprodución e o ritmo frenético, nun contexto onde a única forma de atopar aquilo que podería humanizarnos é, paradoxalmente, aprender a esvairse.


