
Inauguración da exposición «Bata paisana, bravas do país»
APAMP (Asociación de Familias e Persoas con Parálise Cerebral de Vigo)
Inauguración: 1 de outubro de 2026, ás 18:00 h
Exposición: Do 1 ao 30 de outubro de 2026
A Fundación Eugenio Granell acolle a exposición «Bata paisana, bravas do país», unha proposta artística e testimonial creada por APAMP (Asociación de Familias e Persoas con Parálise Cerebral de Vigo).
O acto de inauguración terá lugar o xoves 1 de outubro de 2026 ás 18:00 horas na Sala Didáctica da segunda planta do Museo. No evento, o público terá a oportunidade de atoparse de preto e dialogar con algúns dos e das protagonistas do proxecto, quen compartirán as súas vivencias e o proceso creativo que deu vida a esta obra.
A peza central da exposición transcende o formato tradicional para erixirse como un libro-obxecto escultórico e un arquivo téxtil vivo da identidade feminina. Cunhas dimensións de 54 × 43 cm, 6 cm de lombo e 3,7 kg de peso, a obra substitúe o papel pola fibra téxtil e desprégase en pregos que evocan estratos de tempo e memoria.
Confeccionada a partir de sabas antigas de algodón reutilizadas e cubertas de estopa de liño, «Bata Paisana» incorpora aplicacións de teas de auténticas batas de traballo femininas e diversas técnicas de bordado a man. Cada páxina eríxese como unha homenaxe ás matriarcas, avoas e mulleres que sostiveron os fogares e a comunidade coas súas mans, transformando labores historicamente relegados ao ámbito doméstico nun monumento colectivo e artístico.
«Bata paisana, bravas do país» reivindica o fío como vínculo de reparación, memoria e dignidade. A través dunha metodoloxía activa e participativa, o proxecto visibiliza a potencia creativa e a singularidade de cada xesto dos seus autores e autoras con parálise cerebral, consolidando a práctica artística como unha vía plena de inclusión e expresión sen barreiras.


