Home » Exposicións » MASIDES

MASIDES

Imagen: Masides


6 maio – 18 xuño, 2026
Salas 4 e 5. Primeiro andar
Comisaria: María Esther Rodríguez Losada

O vindeiro mércores 6 de maio ás 20:00 horas a Fundación Eugenio Granell inaugura a exposición MASIDES, un proxecto comisariado por María Esther Rodríguez Losada que poderá visitarse ata o 18 de xuño.

Información curatorial:

Contamos a nosa historia.
A Isaac Díaz Pardo

O noso século XX.
Coa exposición MASIDES queremos agasallar o século XX e a memoria histórica con fidelidade e respecto. Salientamos as luces e as sombras do noso Territorio e a súa paisaxe, a Sociedade e as peculiaridades da nosa Cultura europea, excéntrica e atlántica.
Os protagonistas non foron elixidos ó chou:
– Castelao, medida, modelo e mestre.
– Maside, discípulo e mestre.
Eles ocupan a primeira metade do século XX. Ambos viviron monarquía, ditadura e república, a guerra civil e o exilio.
Como vai de mestres e discípulos para completar o seu percorrido eliximos para a segunda metade do século a Xulio Maside, discípulo e sobriño de Carlos. Nace na IIª República, a xuventude no Franquismo, entra na Democracia en plena madurez. A diferencia dos seus predecesores desfruta do primeiro terzo do século XXI.
Os tres representan ás xeracións históricas do século XX. Castelao ao Grupo Nós. Maside a Xeración de 1925 e Xulio Maside a Xeración da Posguerra, de longa longuísima ditadura.
Tres temperamentos, reflectidos nas respectivas obras, que teñen en común < Galicia é o primeiro> e o seu insubornábel comportamento cívico.
Tratamos de resaltar o aspecto que máis os identifica. O político en Castelao, en Maside o artista, en Xulio Maside a apaixonada persecución da liberdade entendida como plenitude.

María Esther Rodríguez Losada
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026.

FOLLETO