Home » Exposicións » FEMININO DOMÉSTICO. AMPARO SEGARRA

FEMININO DOMÉSTICO. AMPARO SEGARRA

Imaxe: Feminino doméstico


27 maio, 2026 – 2027
Sala Amparo. Segundo andar.
Comisario: Eduardo Valiña

Dende unha vida en constante itinerancia configúrase un discurso que xorde do azar dende o xogo no que a artista e o seu compañeiro desenvolven unha actividade plástica cun fin didáctico, sen a pretensión de chegar a configurar un proxecto que teña unha transcendencia máis lonxe que o fin para o que foi creado.
Ese feito servirá de detonante para que a artista comece a construír un discurso a través da técnica da colaxe na que representa as súas inquedanzas dende unha mirada feminina, poñendo en primeiro plano o desequilibrio de xénero, axudándose de imaxes que contrapoñen o desequilibrio nos diferentes eidos da sociedade, confrontando imaxes de mulleres en diferentes lugares do mundo para denunciar as inxustizas ante as imposicións do patriarcado.
Nese senso a artista utiliza diferentes recursos sempre cunha ironía que abre un diálogo no que o humor funciona como reclamo para amosar imaxes nas que se cuestionan as relacións entre masculino e feminino, así como outras cuestións relacionadas co xénero, dende unha análise intima na que subxacen as diferentes etapas creativas en consonancia coa vida itinerante en relación ao exilio.
Por outra banda tentarase relacionar as distintas temáticas as que a artista recorre como problemáticas medioambientais que preséntanse a través de elementos naturais, zonas residuais ou actividades que poden supoñer un risco para os ecosistemas. Neste caso a composición establécese como un xogo para descifrar diversos factores que se relacionan directamente coa paisaxe humana e as intervencións sobre o medio, supoñendo unha denuncia clara na que se vincula xénero e contexto.
Amparo sempre parte do espazo doméstico, a casa supón o punto de partida, un lugar que ela mesma configura como habitabilidade e referencia de representación que maniféstase a través dunha técnica accesible, a colaxe funciona como un proxecto portátil, fácil de transportar como a súa propia vida e o seu legado que non chega a exhibirse porque coexiste nun sistema interno de produción.
Analizar esta aposta supón internarse na mirada feminina nun mundo analóxico que arranca do papel couché as demandas dun feminismo doméstico que utiliza o material como arma necesaria para abrir as portas a un escenario de igualdade.

FOLLETO