
27 maio 2026 – 2027
Salas 1, 2 e 3. Segundo andar
Comisariado: María Pita Ponte e Dolores Villaverde Solar
A exposición AS LECTURAS DE GRANELL é un proxecto comisariado por María Pita e Dolores Villaverde, unha mostra artellada dende a biblioteca de Granell e a súa obra plástica propoñendo unha guía para comprender a súa vida persoal, cultural, ideolóxica e artística.
A mostra que presentamos fai un percorrido pola biblioteca de Eugenio Granell e Amparo Segarra co obxectivo de dar a coñecer a interrelación da vida e a obra de Granell co seu legado documental.
A través dunha selección de pezas orixinais que ocupan un lugar destacado na súa biblioteca, privilexiando aquelas únicas, moi raras ou non expostas ante o público ata o de agora, trataremos de dar unha visión da personalidade poliédrica de Eugenio F. Granell. Músico, activista político, exiliado, escritor e, sobre todo, artista plástico.
Queremos amosar as lecturas que Granell fixo e tamén os seus proxectos de lectura, pero tamén unha lectura da súa obra plástica apegada aos libros. Por esa razón optouse por un comisariado dual formado pola bibliotecaria da Fundación, María Pita Ponte e a profesora de Historia da Arte Dolores Villaverde Solar.
“As pinturas tamén poden lerse” afirma Dolores Villaverde. “E os libros imaxinarse plasticamente” engade María Pita. Nese punto de encontro estaba Granell e este é o punto de encontro que buscamos trasladar ao visitante.
Son palabras singulares as que se xuntan para dar sentido á mostra, sección a sección: conceptos como Surrealismo, Arte, Historia, Política, Literatura, etc. “Non escollemos as seccións: son as seccións que escolleron Granell e Amparo cando organizaron definitivamente a súa biblioteca”.


