Home » Actividades » A Fundación Granell acolle, dentro da celebración internacional do Libro, tres contacontos de Paco López-Barxas

A Fundación Granell acolle, dentro da celebración internacional do Libro, tres contacontos de Paco López-Barxas

Imagen: Biblioteca Infantil

Os tesouros da illa de Granellandia, Os soños de Daniel e Ramón e o pinsapo máxico son os títulos dos tres libros ilustrados que o autor, Paco López-Barxas, contará aos máis pequenos nun acto celebrado na Biblioteca da Fundación Eugenio Granell, con motivo da celebración do Día Internacional do Libro.

Os tesouros da illa de Granellandia, que está ilustrado con cadros do pintor surrealista que da nome a súa fundación en Santiago, é un percorrido de ida e volta por un vendaval de soños entre Galicia e o Caribe para introducir aos máis pequenos lectores na apaixonante vida e obra de Eugenio Granell.

Pola outra parte, Os soños de Daniel, ilustrado por Isabel Pintado nunha edición conmemorativa dentro do recente celebrado Ano de Castelao, en 2025, trata de achegar a figura do político, escritor e pintor rianxeiro dun xeito semellante: a través doutra viaxe de ida e volta entre Galicia e a pampa arxentina.

O terceiro conto que Paco López-Barxas lle descubrirá aos máis pequenos leva por título Ramón e o pinsapo máxico, de próxima publicación, coincidindo coa celebración do Ano Oteriano declarado polo Parlamento de Galicia, con motivo do 50 aniversario do pasamento do escritor de Trasalba. Un conto no que López-Barxas recolle a través da ficción a relación vital e intelectual de Otero Pedrayo coa natureza e a paisaxe, dende os primeiros anos da infancia, nun álbum ilustrado polo escultor ourensán Xosé Cid, que constitúe a súa ópera prima como debuxante.

Día e hora: Venres, 24 de abril, ás 11:00 horas
Lugar : Fundación Eugenio Granell – Santiago de Compostela
Participan alumnos de infantil do Colexio San José de Cluny