
12 marzo – 17 maio, 2026
Sala 1. Segundo andar
Comisario: Eduardo Valiña
Esta mostra individual artículase dende unha aposta interdisciplinar a través do vídeo, a performance, a fotografía e o debuxo amosando unha reflexión sobre a identidade e a propia existencia. A exposición componse de dúas obras inéditas que contaron co apoio das Axudas do Concello da Coruña á creación artística para artistas individuais empadroados na Coruña 2023, Nos límites da corporalidade e Impermanencia.
Nos límites da corporalidade propón unha reflexión contemporánea sobre a relación entre o corpo e a identidade, entendendo o corpo como parte esencial e inseparable da persoa. A través dunha peza coral de videoarte, reivindícase a unidade entre corpo e alma e chámase a recuperar a escoita corporal nun contexto social cada vez máis dixitalizado, que tende a reducir o corpo a unha simple ferramenta.
A proposta cuestiona a desconexión crecente coa natureza e co mundo físico, así como a visión utilitarista do corpo, lembrando que este se expresa e comunica a través dos seus propios procesos e transformacións. As paisaxes da costa da Coruña convértense en escenario simbólico dun corpo colectivo e dun tecido social que aposta por formas de vida máis sostibles, sólidas e resilientes.
Por outra banda Impermanencia explora a relación entre identidade e contorno social, afondando na maneira en que as persoas se adaptan e se amosan para sentirse parte dun grupo. Tomando como punto de partida a fotografía O principio (2006), da serie Fiesta Blanca, a peza dialoga co concepto de “modernidade líquida” de Zygmunt Bauman, marcado pola incerteza e a constante transformación.
Mediante unha proposta visual e sonora de carácter minimalista, represéntase a identidade como algo cambiante, composta por múltiples capas. A obra contrapón as tatuaxes faciais maorís, como símbolos de pertenza duradeira, coa fugacidade das tendencias actuais, empregando animación 3D para facer visible esa idea de identidades líquidas propias da contemporaneidade.
Atención plena complétase cunha serie de debuxos e fotografías que expanden o seu contido.


