Home » Actividades » ENCONTROS AMERICANOS NA GRANELL

ENCONTROS AMERICANOS NA GRANELL

Imaxe: encontros americanos

Conferencia: Mulleres Bravas: defendendo o común en Galicia e Honduras
Impartida por: María Esther Velásquez, Maygra Isabel Guevara e Mónica Cea
Xoves 5 de marzo, 19.00h

María Esther Velásquez (Namasigüe, Honduras) na súa traxectoria combina compromiso social e defensa ambiental: participa en redes de mulleres que loitan contra a violencia de xénero e forma parte de plataformas que resisten fronte ás industrias extractivas conseguindo que o seu municipio se declarase libre de minería e megaparques de enerxías renovábeis.
Maygra Isabel Guevara Cruz dende moi nova implicouse na defensa comunitaria das zonas de pesca de Namasigüe, evitando que intereses empresariais se apoderasen das lagoas e canais tradicionais. Hoxe impulsa accións de conservación e xestión sostíbel a través da Asociación de Pescadores.
Desde A Ulloa, Mónica Cea, suma a súa voz desde o rural fronte ao macroproxecto industrial de Altri na defensa do territorio e da vida digna.

Mulleres Bravas é un proxecto conxunto de Amigas da Terra e Enxeñería sen Fronteiras como punto de encontro entre activistas de Honduras e Galicia. O proxecto aposta por tecer redes de solidariedade, recoñecendo o papel das mulleres como defensoras do territorio. Nas conversas fálase de modelo produtivo, de sostíbilidade e de igualdade, entendendo que a defensa ambiental é tamén unha cuestión de xustiza social. As experiencias do Sur Global e do rural galego dialogan. Mulleres Bravas non é só un proxecto: é un tecido vivo de voces, afectos e aprendizaxes compartidas.

FOLLETO