Home » Actividades » MARATÓN DE LECTURA

MARATÓN DE LECTURA

Imagen: Maratón de lectura

Mércores 26 de Novembro

Continuando co seu obxectivo de promoción e apoio á literatura, un ano máis, a Fundación Eugenio Granell organiza o Maratón de lectura, que terá lugar o mércores 26 de novembro coincidindo coa semana do aniversario de Eugenio Granell (28 novembro) e Amparo Segarra (9 decembro).
Este ano 2025 coa celebración do 30 Aniversario da Fundación, e tendo en conta que o Maratón de lectura é unha das actividades iniciadas ao comezo da nosa traxectoria, queremos facer un maratón especial dedicado a todas aquelas persoas, asociacións, institucións que estiveron participando todos estes anos e que contribuíron coa súa colaboración ao éxito da actividade. Destacando unha especial homenaxe ao amigo Xoán Xosé Fernández Abella que nos acompañou coas súas lecturas en moitas das ocasións e faleceu no ano 2023. Esta homenaxe terá lugar para pechar o maratón, entre ás 19.00 e 20.00 horas, lendo algúns dos seus poemas.
Por isto tamén, este ano do aniversario, dedicaremos o Maratón aos escritos de Eugenio Granell, podendo elixir entre novela, contos, poesía, ensaios, artigos de prensa…, algúns deles, protagonistas xa en anteriores edicións: La novela del Indio Tupinamba, Lo que sucedió…, Ensayos, encuentros e invenciones de Eugenio Granell, Memorias de Compostela, Federica no era tonta y otros cuentos, Escritos sobre Federico García Lorca, El aire fresco.
Tamén faremos unha alusión a súa vida a través da biografía “Eugenio Granell. O surrealismo felizmente vivo” da editorial Ir Indo Edicións, escrita por Paco López Barxas, agradecendo á editorial a doazón dalgúns destes exemplares para a actividade.
Como todos os anos poderedes achegarvos ao Museo de 11.00h a 13.30h e de 17.00h a 20.00h, a escoitar ou a participar lendo algún fragmento da obra do escritor seleccionado.
Para facer máis doada a organización da actividade, todos aqueles que desexen participar poden chamar aos teléfonos 981 572124 ou 981 576394 ou escribir ao correo electrónico: secretaria@fundacion-granell.org indicando a hora á que lles gustaría intervir.
Queremos aproveitar esta ocasión para agradecer a participación daqueles que, ano tras ano, nos veñen acompañando no desenvolvemento desta actividade e animar a todas/os a unirse a esta especial celebración.