
Comisario: Jacobo Bermejo
Colaboran: Fundación Andreu Nin, Fundación 10 de Marzo
A exposición forma parte dun proxecto financiado polo Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática
5 – 29 novembro
Sala Didáctica
A memoria histórica non se restrinxe á apertura das fosas, onde os familiares queren recuperar os seus seres queridos, dos que non puideron despedirse con dignidade. Abarca todo o período tan negro da nosa historia como foi a Guerra Civil, e a posterior represión da Dictadura Franquista, co fin de non esquecer e poder sacar ensinanzas que non nos leven aos mesmos erros.
Esta exposición pretende reunir unha pequena pero significativa historia de militantes da esquerda heterodoxa galega, aos que podemos cualificar con razón como “dobremente esquecidos”.
Sufriron a represión franquista como militantes de esquerda e moitos deles pagaron coas súas vidas. Ao mesmo tempo, o estalinismo foi tan cruel, ou incluso máis, ca ditadura; pois ademais do encarceramento ou asasinato, sufriron unha campaña de calumnias e acusacións de seren axentes de Hitler.
Esta breve historia destes homes, baséase na gran obra do historiador Dionisio Pereira. Con esta exposición, buscamos rescatar do esquecemento un grupo de militantes experimentados que foron quen de alzar a voz contra o poder do todo poderoso Stalin, ao tempo que ofrecen un modelo para un partido socialista democrático.
Cómprense xa 90 anos da fundación do POUM e, por iso, a Fundación Eugenio Granell, a Fundación Andreu Nin e a Fundación 10 de Marzo queren aproveitar este aniversario para dar a coñecer como se formou este partido e cal foi o seu legado político.
Lonxe de ser historia pasada, os escritos dos seus principais líderes, Andreu Nin e Joaquín Maurín, seguen a ser publicados e estudados. O seu gran legado político foron, sen dúbida, as “Alianzas Obreiras” desenvolvidas durante o Bienio Negro da República, consolidando a unidade das forzas de esquerda contra os ventos fascistas que sopraban con forza naquel momento. Desafortunadamente, hoxe estes ventos volven soprar, como fixeron no pasado, substituíndo aos xudeus por inmigrantes e calquera cousa que se poida parecer á diversidade.
Estaremos satisfeitos se a presente exposición consegue sacar estes dous grandes temas do esquecemento e contribúe á reflexión sobre o significado do estalinismo e o desastre que a división fronte o fascismo, trouxo a toda a esquerda europea.
Jacobo Bermejo Barrera
Membro do padroado da Fundación Andreu Nin
Comisario da Exposición


