
APAMP (Asociación de Familias e Personas con Parálise Cerebral de Vigo) leva a súa arte e creatividade á Fundación Eugenio Granell a través da exposición “Arte na Rúa”.
Inauguración: Martes 23 setembro, ás 18.00h
23 septembro – 11 outubro, 2025
APAMP (Asociación de Familias e Persoas con Parálise Cerebral de Vigo) presenta na Fundación Eugenio Granell a exposición “Arte na Rúa”, unha mostra que recolle dúas das intervencións artísticas realizadas pola entidade ao longo dos últimos anos nas rúas da cidade, sempre coa participación activa da cidadanía.
O obxectivo destas intervencións é habitar e utilizar o espazo urbano para crear conexións e favorecer encontros de convivencia entre a cidadanía. A idea é xerar un espazo de arte público, con conciencia social, interactivo, participativo e progresista, convertendo a arte en axente social e como diálogo de realización colectiva. Se pretende dar visibilidade ás diferentes capacidades e perspectivas creativas de numerosos e diversos grupos, dentro da nosa sociedade.
“Sentada na Rúa”, intervención artística realizada no ano 2024, naceu con dous obxectivos: afastar un obxecto tan común como é unha cadeira, do seu uso cotiá e darlle así un novo significado, e por outro rachar co consumismo masivo, coa obsolescencia programada que crea no comprador a necesidade de renovar os productos a pesares de que a súa vida útil non rematara. Todas estas cadeiras teñen unha historia. A historia de cada un dos centros, entidades e colectivos que deron forma a VII Intervención Artística. Historias reais, de superación, que falan da soidade, da braveza, do heroísmo, de momentos tristes e outros de maior ledicia.
Por outra banda, a través de “Enredando na rúa”, intervención artística que a entidade levou a cabo no ano 2019, elaborouse, no Paseo de Alfonso XII de Vigo, unha gran rede de tecido empregando diferentes tipos de materiais, ferramentas e técnicas. A rede, hoxe exposta na Fundación Granell, alcanzou un tamaño de 5X5 metros. Na súa elaboración participaron máis de setecentas persoas de 28 colectivos diferentes. O resultado final recibíu o nome de Aracne.


