Home » Exposicións » MONTAÑA SOBRE MONTAÑA. SALTAMONTES. LÚA GÁNDARA

MONTAÑA SOBRE MONTAÑA. SALTAMONTES. LÚA GÁNDARA

Imaxe: Lúa Gandara


30 outubro – 17 xaneiro, 2026
Salas 4 e 5. Primeiro andar.

A exposición Montaña sobre montaña. Saltamontes, da artista Lúa Gándara trátase dun proxecto comisariado por Eduardo Valiña que amosa o resultado do traballo realizado pola artista durante a súa estadía na Fundación Eugenio Granell dentro da IX edición de Artista en Residencia.
Lúa Gándara articula un proxecto que transita desde o interdisciplinar para desenvolver unha ampla diversidade de formatos e apostas, onde a pintura adquire un protagonismo destacado. Desde esa opción, a artista configura unha ampla variedade de expresións nun espazo plástico onde se move con liberdade a través das cores, os trazos e as formas, asumindo ese lugar como unha amalgama de estruturas rítmicas ou musicais, e establecendo paralelismos con outras prácticas propias, como a performance ou o accionismo.
Por outra banda, a artista crea signos e símbolos que semellan unha continuidade dentro do discurso, establecendo variacións que abren diálogos desde o espazo cotián, utilizando o humor como reclamo para introducirnos nun territorio emocional que discorre desde o movemento ata elementos construídos desde a colectividade.
Neste senso, Lúa funciona como unha organización, unha estrutura ramificada onde entran a formar parte as achegas doutras/os creadoras/es, producindo materiais que se relacionan co propio contexto vital e que marcan a súa traxectoria en función de momentos e encontros persoais, para achegar unha visión contextual relacionada con cuestións e problemáticas xeracionais.
Desde esta perspectiva, abrimos un campo de acción onde o corpo articula un discurso rítmico que rompe os límites do establecido para introducirse en accións no espazo público: desde a improvisación no ámbito urbano ou rural, ata a intromisión nos mass media como reclamo publicitario. Unha fórmula que se disolve noutras propostas que van desde o sonoro ou o textil, para configurar un amplo dispositivo que inclúe actuacións en directo e relacións coa moda.
Lúa Gándara (O Porriño, 1988) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, cun posgrao en Creación Sonora pola Universidade de Barcelona e un mestrado de Profesorado en Educación Secundaria na especialidade de Artes e Debuxo.Obtivo premios como Novos talentos luso-galaicos na IX Bienal de Pintura Premio Eixo Atlántico e o IX Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia.

Biografía
Lúa Gándara é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2010) e vén do eido musical e performativo. Foi co-fundadora de La Dolorosa Compañía, xunto a un aínda descoñecido Rodrigo Cuevas, ou Cuerpo Astral, cos artistas Fur Alle Falle. Ademais, participou en proxectos musicais de improvisación con L.A.R. Legido e Pablo Seoane (La Bambola Malata), e formou parte da orquestra de improvisación O.M.E.Ga.
Ten realizado performances comisariadas pola Juan Gallery de Madrid, tanto nos Teatros del Canal, con Tú nunca podrás cantar, como DJ nos eventos de Cine Caliente, colaborando con figuras como Lalachús, Juan Sanguino, Maestro Joao, Soy una Pringada ou Junio Healy. En 2025 realizou un consultorio de interpretación de soños no Círculo de Belas Artes de Madrid.
Mestura referencias de todo tipo de ambientes e disciplinas, tendo moi presente a historia da arte, pero tamén a arte pop. Por iso aparece ocasionalmente en televisión de maneira espontánea, en programas como First Dates, Tú sí que vales ou The Floor.
Ela mesma afirma que non sería o mesmo tipo de artista se non tivese traballado como camareira, DJ, animadora, cantante de cuplé ou telefonista. Considérase unha obreira da beleza, non como algo idílico, senón como forma de supervivencia.
Realizou unha residencia artística en Anfitrión Marbella, que aproveitou para escribir un diario que algún día será obra, onde observou que non son nada boas de limpar as mansións. En numerosas ocasións escribiu poemas e textos, como o guión da peza de vídeo Ahora lo entiendo todo, que fixo xunto ao director de cinema Javi Camino. En 2024, a editorial para coleccionistas Los Doscientos publicou o seu libro de artista Kandinsky de after.
Colabora sempre que pode con artistas e profesionais de todo tipo para seguir aprendendo continuamente. Ten traballado en moda con Sora Magazine ou Da Ría Luv, en xoiería con Milena Colella, en muralismo xunto a Xoana Almar (Cestola na Cachola), ou pintando a medias co coñecido artista Pelucas Pilas Bubbles.
Participou no EAN#11 en 2021, gañando ese ano o premio de intervención artística das Torres Hejduk, onde estivo un mes traballando e regalando unha obra a toda persoa que a visitaba.
O traballo de Lúa Gándara xoga coas disciplinas, os referentes e as persoas: é como un saltamontes.

FOLLETO