Home » Actividades » A MIÑA PEZA FAVORITA

A MIÑA PEZA FAVORITA

Imaxe: A miña peza favorita


Martes 24 xuño, 19.00h

A Miña Peza Favorita iniciouse no ano 1997 e consiste en seleccionar unha peza, entre todas as que forman parte das coleccións da Fundación Eugenio Granell, para que o invitado elabore un comentario persoal cunha nova visión desde unha perspectiva actual.
Esta actividade está aberta a calquera persoa interesada tanto na Fundación como na arte ou na figura de Eugenio Granell, contando tamén coa participación de persoas relacionadas con diversos ámbitos como a arte, a educación ou a comunicación.

Alexandra Rey
É xestora cultural, artista investigadora e deseñadora gráfica que comprende a arte como unha ferramenta necesaria e transformadora para a sociedade. Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo especializada cun Máster en Arte Contemporánea creación e investigación pola Universidade de Vigo. Cofundadora de “VACIOCERO servizos culturais”, do estudio “Dous Erres”de deseño gráfico e membro da“Asociación de Xestores Culturais de Galicia”.
Como xestora cultural independente desenvolveu proxectos culturais socialmente comprometidos coa muller como “Arquitecturas” de Nuria Lago no Centro Cultural Marcos Valcarcel, “Recolectoras. Memoria e terra” coa Rede Museística Provincial de Lugo, “Fío e Agulla, tecendo historias” co concello do Grove e “Esquecín que che esquecín” coa asociación de mulleres artistas Branco Negro e Magenta. Traballando para a visibilización da arte e os seus artistas como transformadoras/é da nosa sociedade e como plataforma de diálogo e crecemento con proxectos como “Do final e do comezo” da Facultade de Belas Arte co Concello de Pontevedra, o “Xuventude Crea. máis dunha década ”itinerando por espazos como A cidade da Cultura, o Museo do Mar de Galicia, os espazos xoves, bibliotecas públicas, etc; proxecto da Consellería de Política social da Xunta de Galicia.Creou proxectos expositivos con entidades públicas e privadas como “Da terra semente, da semente terra” xunto a VACIOCERO, residencias artísticas na RMPL, o “Foro expandido de Museoloxía social da RMPL“, o proxecto (A)pegadas” no Museo Liste Etnográfico de Vigo, colaborado en faladoiros, conferencias e programas de acompañamento como ” Xuventude Mentoring” do CIXUG, as “XX Xornadas Pedagóxicas” da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, “III Encontro de creadores emerxentes” Mariñán 2022 entre outras; co fin de poñer en valor e xerar reflexións arredor de problemáticas sociais. Promovendo a cultura como un dereito ao cal todes deben ter acceso e a función dos/as axentes culturais a modo de pontes que conectan e posibilitan novos camiños e realidades.Coas persoas no centro.
Como creadora formou parte de proxectos como “Reb/veladas na paisaxe” da Cidade da Cultura de Galicia (2021), seleccionada para o certame “Novos Valores 2020” (Museo de Pontevedra,2019), oEAN9, Encontro de Artistas novos Cidade da Cultura (Santiago de Compostela, 2019), a “III Bienal internacional de Arte Gaia (Vilanova de Gaia, 2019) e o Certame Plastika 18 (Sala X, Facultade de Belas Artes de Pontevedra, 2019) no cal recibiu un accésit.
Tamén participou en residencias artísticas como “Residencia de Creadores Festival Sin Sal 2019”, “Arte, natureza e territorio, II Residencia de creadores emerxentes” e “Interaccións Artísticas en Galicia” Pazo Mariñán, Deputación da Coruña (2019) entre outros.