
Exposición de celebración do 30 aniversario da Fundación Eugenio Granell
27 maio, 2025 – 2026
Sala Amparo. Segundo andar.
A Fundación Granell inaugura o 27 de maio, ás 19:00h a mostra Boutique Amparo, comisariada por Eduardo Valiña e que forma parte das mostras conmemorativas do trinta aniversario do museo.
Amparo Segarra (Valencia, 1915- Madrid, 2007) artista plástica, actriz de teatro e compañeira de Eugenio Granell, co que comeza a súa actividade artística a través dunha produción conxunta de colaxes realizadas en Porto Rico nos anos cincuenta, e que conforman unha boa parte desta mostra.
Amparo identifícase plenamente coa técnica da colaxe dentro do movemento surrealista. Na súa obra introduce a través do humor opinións sociais e pensamentos surrealistas. Un proxecto marcado pola estética feminina na que crea un mundo fantástico a partir da superposición de recortes cun claro caracter realista.
Un dos elementos máis destacados da súa obra é o uso de imaxes procedentes de revistas de moda. A artista selecciona e recorta fotografías de mulleres, protagonistas das publicacións da época, para configurar composicións que, máis alá da súa aparencia estética, ofrecían unha crítica sutil á sociedade. A través destas imaxes, aborda temas como a cousificación da muller, os roles de xénero, o consumo ou a identidade sexual.
Ademais, a súa experiencia como actriz e deseñadora de vestiario teatral entre 1944 e 1969 influíu notablemente na súa sensibilidade estética. Esta formación teatral reflectiuse na dramatización das súas obras, na elección dos elementos visuais e na capacidade para contar historias a través da superposición de imaxes.
A súa obra tamén incorpora elementos de distintas culturas, resultado do seu interese pola arte étnica. En moitas das súas colaxes, Segarra contrapón imaxes de distintas etnias con personaxes que se afastan temporal e xeograficamente, creando contrastes culturais que enriquecen o significado das súas composicións.
A súa vida estivo enteiramente marcada pola súa ideoloxía política e, tamén de forma inevitable pola do seu compañeiro de vida.
Esta mostra tenta ser un recoñecemento ao traballo dunha artista imprescindible no marco da vangarda histórica, non só pola súa propia achega senón como eixe que artella todo o universo granelliano.