Home » Exposicións » GRANELL CUMPRE 30 ANOS

GRANELL CUMPRE 30 ANOS

Imaxe: Granell 30 aniversario


Exposición de celebración do 30 Aniversario da Fundación Eugenio Granell
27 maio, 2025 – 2026
Salas 1, 2 e 3. Segundo andar. (Sala 1 finaliza o 21 de setembro).
Comisario: Eduardo Valiña

A Fundación Eugenio Granell inaugura o 27 de maio, ás 19:00h a exposición Granell cumpre 30 anos, un proxecto que conmemora o trinta aniversario do museo.
A finais de marzo do ano 1995 creábase en Santiago de Compostela a Fundación Eugenio Granell, un proxecto que se configuraba como un dos referentes máis importantes do Surrealismo Galego, Nacional e Internacional.
A institución conformábase como un lugar de acollida dun extenso patrimonio que se compoñía de diferentes pezas entre as que se atopaba parte da obra máis representativa de Eugenio Granell, unha colección de arte de vangarda de obras dos artistas máis representativos dos movementos de transformación plástica do século XX, unha colección de arte étnica, así como outros elementos que completaban un inmenso legado que se incorporaba a unha cidade en plena transformación humana, a nivel cultural e arquitectónico.
Dende ese inicio ata a actualidade a Granell pasa por diferentes etapas, sempre baixo unha única traxectoria: protexer, difundir e estudar o legado de Granell e do Surrealismo, dende diferentes ópticas e dando a oportunidade a moitos artistas de amosar o seu traballo ademais de facer participe aos diferentes públicos dende o local ao internacional.
Por outra banda, a institución vai transformándose no tempo, ampliando o seu legado e moldeando a súa configuración, dende o padroado ata o persoal, superando crises económicas e tentando manter unha calidade alta nas súas propostas.
Non podemos esquecer feitos fundamentais nesta andaina como foi o falecemento de Eugenio Granell no ano 2001 e, posteriormente, outro piar fundamental Amparo Segarra no 2007.
Esta mostra supón un percorrido expositivo polas diferentes etapas artísticas e vitais de Eugenio Granell dende a súa vinculación con Galicia como referente de moitas das súas producións ao longo de toda a súa vida, neste senso faise unha alusión especial á obra do seu irmán, Mario Granell.
O proxecto incide especialmente na ideoloxía do artista como membro destacado do POUM, a súa participación activa durante a Guerra Civil e o posterior exilio que o levará a un proceso itinerante por Santo Domingo, Guatemala e Porto Rico ata afincarse nos Estados Unidos.
Na exposición faise referencia a persoas e feitos importantes na vida do intelectual, especialmente á súa compañeira inseparable Amparo Segarra, o encontro con André Bretón en Santo Domingo, a relación con Marcel Duchamp e a influencia de diferentes artistas, pensadores e intelectuais nas súas investigacións teóricas e como base dalgunhas obras da primeira etapa.
A mostra compleméntase cun apartado documental e bibliográfico, amosando a importancia do legado granelliano conformado dende unha personalidade poliédrica que configura o meirande patrimonio galego da vangarda histórica.

FOLLETO