Home » Exposicións » ALBERTO OVEJERO. ESTRUTURA DUN ZUMBIDO

ALBERTO OVEJERO. ESTRUTURA DUN ZUMBIDO

Imaxe: Estrutura dun zumbido


30 xaneiro – 4 maio
Sala 1. Segundo andar.

A exposición Estrutura dun zumbido de Alberto Ovejero está marcada por un forte carácter autobiográfico, apoiándose en diferentes formatos como ilustracións, pinturas, colaxes e pezas audiovisuais cunha ampla diversidade de técnicas que van dende o óleo, pasando polo acrílico ata o grafito, tendo o debuxo como principal ferramenta e canle de expresión para canalizar os seus pensamentos recorrentes nun exercicio de autosanación. A estes pensamentos denomínaos zumbidos.

Estrutura dun zumbido abarca un proceso longo dende unha reflexión persoal sobre cuestións e temáticas que afectan a súa xeración, como son a diversidade sexual, o xénero ou a saúde mental, conseguindo deste xeito provocar no espectador distintos interrogantes sobre a identidade e a experiencia humana. Ovejero fala dos ecos do trauma e do pasado que resoan e compoñen o seu mapa emocional, que descompón e resignifica no profundo da súa identidade. Afonda o surrealismo e o simbólico, entrelazando os límites da anatomía e a introspección emocional. A súa obra está marcada por unha exploración inquebrantable da forma humana, a miúdo presentada dunha maneira fragmentada e distorsionada que invita ao espectador a un espazo de contemplación e inquedanza.

O seu proxecto plástico bebe, entre outros referentes, do surrealismo para configurar un terreo que funciona como detonante para levarnos a universos íntimos onde se nos cuestiona dende un proxecto absolutamente único. Os debuxos de trazo pouco marcado, semiborroso, de cores apagadas navegan entre o infantil e o tétrico. Habitados por seres e elementos que mesturan nunha sorte de composición e colócanse como o conxunto dos zumbidos que constitúen a identidade do creador.

Esta exposición completa un percorrido expositivo por diferentes galerías e institucións. Ovejero forma dúo músico-performativo co artista Sergio Marey.

FOLLETO