
20 febreiro – 20 abril
Salas 4 e 5. Primeiro andar.
A exposición, Fotografías Intervidas do artista Juan Barreto, é un proxecto que somérxese no universo visual de Barreto, neste caso a través do seu traballo fotográfico.
A mostra reúne 45 fotografías gardadas ata o 2007, momento no que empeza a realizar as intervencións, que sintetizan unha visión persoal a partir do uso de colaxe, a liña e a cor, incorporando figuras alongadas que vense na obra máis plástica de Barreto. Estas fotografías abordan temáticas como a literatura, a música e referencias a creadores como Federico García Lorca, Luis Cernuda, Manuel de Falla e Eugenio Granell.
Esta é a segunda exposición individual do artista na Fundación Eugenio Granell, despois de En torno a Galicia no 2013. Juan Barreto mantivo unha estreita relación con Eugenio Granell, quen adquiriu unha das súas obras, Paisaxe fantástica, para a súa colección persoal.
Barreto inicia a súa traxectoria artística tras rematar os seus estudos en Belas Artes. A súa viaxe de fin de carreira a Galicia marcou un punto de inflexión, e tras pasar un tempo en Madrid introducíndose nos círculos culturais da cidade obtendo a Beca Velázquez e sendo pensionado pola Deputación de Sevilla, realiza unha viaxe recorrendo Italia coa súa cámara reflex.
O artista desperta un interese especial pola fotografía en branco e negro, converténdose nun soporte transformador da imaxe, cun concepto pictórico, simbólico e surreal. O seu contacto coa estética italiana e coa filmografía de Fellini influíu no seu desenvolvemento artístico cara un expresionismo poético. Comeza a realizar e a coleccionar fotografías que relatan escenas e arquitecturas de distintos países e lugares dos séculos XIX e XX.
De volta a España, aproba unhas oposicións para profesor de debuxo e escolle A Coruña, onde en 1969 entra na Escola de Artes e Oficios. Alí asiste á inauguración da Fábrica de Sargadelos e coñece a Luis Seoane e a Isaac Díaz Pardo, con quen mantén amizade. En 1978 instálase en Madrid como catedrático de Artes Plásticas e director da Escola de Deseño Gráfico no 1986. Tamén é académico correspondente e doutor en Belas Artes da súa cidade natal.
Barreto realizou máis de 48 exposicións individuais en diferentes galerías e institucións. A súa obra atópase representada no Museo Reina Sofía, Fundación Eugenio Granell, Academia de Belas Artes de Madrid, Colección L’Oreal de París, entre outras coleccións nacionais e internacionais.