
20 febreiro – 4 maio
Sala Philip West. Primeiro andar.
Philip West (Gran Bretaña, 1949- Zaragoza, 1997) é un artista encadrado dentro dun Surrealismo tardío que choca co minimalismo que se está a desenvolver nos anos 60. Desenvolve os seus estudos entre 1965 e 1970, dentro do ámbito da Pintura e Escultura (Colexio de Belas Artes de York e Colexio de Belas Artes de Brighton). No 1974 trasládase a Zaragoza por amor, e entre o 79 e o 83 muda a súa residencia a Venezuela, onde recolle a mitoloxía da zona grazas os seus viaxes polos ríos Orinoco e Amazonas, esta viaxe acentuará a paixón do artista pola natureza exótica que alí atopa. En 1984 volta a Zaragoza, gañándose a vida como profesor de inglés. Nesta cidade móvese nos círculos de artistas, grazas aos que coñece a José Francisco Aranda, para quen ilustra varios dos seus poemas e quen lle introduce na arte de Buñel, cara quen o artista sentirá unha profunda admiración. Será tamén neste momento cando empece a forxarse a relación de West co tamén pintor surrealista, Eugenio Granell, a quen cederá gran parte da súa obra e da súa biblioteca tra-lo seu falecemento en 1997.
Como pintor surrealista, a teoría de André Breton marca profundamente o seu traballo e o seu proceso artístico.
Na súa obra, divaga entre diferentes técnicas mediante as que desenvolve un mundo fantástico cheo de criaturas alleas pero á vez pretas. Nútrese do que ve para transportar ó espectador a unha realidade onde o real mestúrase co imaxinario e o normal, co estraño.
A morte é o fío da súa obra, e a fauna e o sexo, vítimas desta. A partir dos paxaros nocturnos, Philip West cobra vida nos seus cadros, unha vida que non ten maior destino que a desaparición. Nútrese dos animais para xogar co cruel, que acompañados de obxectos cotiás descontextualizados acentúan a sensación de inquedanza e intriga, xogando co espectador a partir da provocación constante.
Esta exposición trata de mostrar esa parte máis animal na que vemos a un West coñecedor do seu próximo fin, que coa súa obra leva ó espectador a un mundo de desacougo. O inquietante faise presente a través da fragmentación dos cadros, que lle permite o autor xogar con distintas temáticas nunha mesma obra. Deste xeito, e tendo presente sempre o vestixio da morte, Philip West xoga coa sexualidade bruta, os insectos e a natureza, creando un mundo desalentador no que o corrente flúe co inhabitual.
Eduardo Valiña
Comisario


