
Conferencia: Dereitos e acceso á xustiza das mulleres mapuche en Chile
Impartida por: Sheila Fernández Míguez
Mércores 29 de xaneiro, 19.00h
En Chile as mulleres mapuche sofren unha triloxía de violencias institucionais. Esta triloxía está conformada pola violencia legal, a violencia policial e a violencia xudicial. Desde o feminismo descolonial afirmase que estas violencias forman parte de un continuo de violencias que poden rastrexarse ata o período colonial dando lugar ao que a literatura especializada denomina “ferida colonial”. Nos últimos anos, a pesar de que existen avances en materia de dereitos humanos para os Pobos Orixinarios en Chile aínda queda moito por camiñar, na esfera legal, en política pública e na conciencia social sobre a importancia de recoñecer a pluriculturalidade. O proceso constituínte de 2022 foi un paso importante para comezarmos a falar de dereitos de última xeración como dereito á identidade cultural, dereito chave no entendemento dun horizonte, pluralista, democrático e intercultural para Chile.
Sheila Fernández Míguez, licenciouse en Dereito pola Universidade da Coruña (2012) e doutorouse en Dereito en co-tutela pola Universidade Autónoma de Chile e a Universidade da Coruña (2018) cunha tese sobre a violencia machista e a discriminación das mulleres mapuche no sistema de xustiza occidental. En 2024 posdoutorouse na Universidade Autónoma de Chile co Proxecto Fondecyt da Axencia ANID do Goberno de Chile, cunha investigación sobre xustiza e identidade cultural (2024). É máster en Menores en situación de desprotección e conflito social da Universidade de Vigo (2013), e máster en Feminismos Xurídicos Teorías e Prácticas da Universidade Autónoma de Barcelona (2023). Actualmente é Profesora Investigadora na Facultade de Ciencias Sociais e Humanidades da Universidade Autónoma de Chile, na sede de Temuco. Os últimos traballos publicados son “Acceso a la justicia, justicias y las mujeres indígenas en el Proceso Constituyente de Chile 2019-2023”, “Guía de actuación clínica jurídica intercultural. Universidad Autónoma de Chile: prácticas y procedimientos. Atención de personas indígenas y migrantes” e “Aproximación histórica a la cultura de la violación en Chile (1598-1895)”.