Home » Exposicións » 3 DESCENSOS GZ. PABLO ORZA. ARTISTA EN RESIDENCIA. VIII EDICIÓN

3 DESCENSOS GZ. PABLO ORZA. ARTISTA EN RESIDENCIA. VIII EDICIÓN

Imaxe: 3 descensos GZ


14 novembro, 2024 – 2 febreiro, 2025
Salas 4 e 5. Sala Philip West. Primeiro andar.

O vindeiro xoves 14 de novembro, ás 20:00h, a Fundación Eugenio Granell inaugura a
exposición 3 descensos GZ do artista PABLO ORZA, comisariada por Eduardo Valiña e que poderá visitarse ata o 2 de febreiro de 2025.
Pablo Orza graduouse coma licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca no ano 1993 e continuou os seus estudos na Universidade Politécnica de Valencia. A mediados dos anos noventa traballou no Studio Arts Centers Internacional de Florencia iniciando a súa carreira profesional coma artista, participando nunha ampla variedade de proxectos en toda Galiza. Participa no taller de Lucio Muñoz do MACUF  e artella diversas mostras en distintas cidades galegas. Ademais inicia unha carreira nacional e internacional en Italia, Nova York e Portugal, ente outros.
A conectividade do ser humano consigo mesmo e co que o rodea  e a relación Arte/vida marcan o fío condutor da súa obra. Deste xeito, Orza en ocasións planea a labor artística dende un punto de vista ritual a través da conectividade e as súas formas.
O artista móvese nun amplo abano de técnicas e soportes como a colaxe, o debuxo, a pintura, a fotografía, a escrita, as instalacións, a escultura, a música ou a performance, entre outras. Un traballo marcado pola liberdade, onde o abstracto fúndese co figurativo para crear un cambio na forma coa que nos relacionamos co mundo.
Con referencias como Thomas Hirschhorn, Joseph Beuys, Antoni Tapies, Jason Rhoades ou Cy Twombly, entre outras, o artista reformula constantemente a concepción da súa produción partindo de conceptos intrínsecos e outras achegas externas onde o territorio funciona como un eixe artellador, en ocasións con un detonante magnético que facilita o feito creativo, como ocorre co Pico Sacro.
Partindo da interrelación entre pintura e escultura inicia unha vía de investigación que segue ata a actualidade,  onde a tea, a madeira e a palabra fusiónanse  nunha multiplicidade de opcións que pasan polo refugallo e a relación co material industrial para aportar un universo hibrido que o sitúa nunha concepción plástica diferenciada dentro da produción contemporánea.
Orza propón un proxecto interdisciplinar onde o territorio, a  identidade e a autorreferencia converxen nun espazo de representación propio, conformando un lugar de creación afastado do establecido para crear vínculos, a través dunha ampla proposta con diferentes parcelas sensoriais.