Mércores 27 de Novembro
Continuando co seu obxectivo de promoción e apoio á literatura, un ano máis, a Fundación Eugenio Granell organiza o Maratón de Lectura, que terá lugar o mércores 27 de novembro coincidindo coa semana do aniversario de Eugenio Granell (28 novembro) e Amparo Segarra (9 decembro).
Nesta ocasión a Fundación Eugenio Granell dedica o Maratón de Lectura ao libro de contos de Eugenio Granell “Federica no era tonta y otros cuentos”. Publicado en México, 1970 e reeditado en Madrid, 1993, tralo retorno de Granell a España. O libro contén dez pezas narrativas que Eugenio Granell creou ao longo dos seus anos de exilio en América.
Contamos, este ano, coa inestimable colaboración da Cátedra José Ángel Valente da USC dirixida por Claudio Rodríguez Fer. A tradución ao galego dun dos contos “A Cámara negra” incluído no libro realizouna a investigadora, tradutora e doutoranda, Laura Paz Fentanes. A dita tradución está publicada na revista EVOHÉ, Revista Cultural desde 1996. Monográfico Carmen Blanco, nº 35, 2024.
Como todos os anos poderedes achegarvos ao Museo de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 19.30h, a escoitar ou a participar lendo algún fragmento da obra do escritor seleccionado.
Para facer máis doada a organización da actividade, todos aqueles que desexen participar poden chamar aos teléfonos 981 572124 ou 981 576394 ou escribir ao correo electrónico: secretaria@fundacion-granell.org indicando a hora á que lles gustaría intervir.
Queremos aproveitar esta ocasión para agradecer a participación daqueles que, ano tras ano, nos veñen acompañando no desenvolvemento desta actividade e animar a todas/os a unirse á celebración deste ano.