Home » Exposicións » LA FUERZA SIMULADA DE JUDITH ADATABERNA

LA FUERZA SIMULADA DE JUDITH ADATABERNA

Imagen: La fuerza simulada

27 xuño – 28 setembro
Salas 4 e 5. Primeira planta

O vindeiro xoves 27 de xuño, ás 20:00h, a Fundación Eugenio Granell inaugura a exposición La fuerza simulada de Judith Adataberna, comisariada por Eduardo Valiña e que permanecerá aberta, nas salas 4 e 5 da primeira planta,  ata o 28 de setembro.
Judith Adataberna constrúe dende un universo interdisciplinar que discorre pola experimentación a través do cinema, as vídeo instalacións, a fotografía e outro tipo de soportes,  un terreo  híbrido que supón unha das apostas máis orixinais e diferentes do panorama contemporáneo.
Graduada en Belas Artes, ampliou a súa formación cunha beca no Laboratorio Audiovisual de Creación y Práctica Contemporánea (LAV) de Madrid. Influída fortemente polo contexto co que mantén unha relación intrínseca, parte dunha  profunda observación da natureza e os seus fenómenos a través da paisaxe e a relación do individuo co medio, uns conceptos que proveñen dunha infancia marcada pola conexión familiar co entorno.
Na súa traxectoria desenvolve un especial interese pola psicoloxía e os misterios da conciencia, que resultará esencial para crear obras que desafían as escalas e as marxes da percepción. A introspección será o punto de partida onde ofertar perspectivas variadas e reflexivas a través da busca do universal dende o persoal. Por este motivo, na súa obra sempre se manifestou unha constante necesidade de desafiar a concepción hexemónica da realidade, creando proximidades entre a visión onírica e a especulativa da ciencia. Entre o cine estructural e a linguaxe do videoxogo, propón “cámaras-corpo” que ensaian sobre posibles “modelos e simulacións” de realidades, buscando os espazos liminais da conciencia e a propiocepción a través do alucinatorio.
Paralelamente traballou como directora, facendo videoclips, fashion films, fotografía ou A/V para músicos e deseñadores como Ruberth, Cruhda ou Caamaño Ameixeiras, cos que tamén colaborou como directora de arte e vestiario.
As súas propostas mergúllannos nun universo fantástico e  cheo de vida, poboado de seres que van dende insectos ata unha variada gama vexetal, para trasladarnos a través dunha mitoloxía que transforma a nosa visión da vida, dende unha perspectiva que cuestiona diferentes hábitos dende o noso proceso vital.
 
O seu traballo formou parte de festivais como Curtocircuito, Playdoc, Filmadrid, Bendita Tú e Intersección; realizou exposicións na SÍM Gallery (Reykjavik), Venice Art Projects (Venecia), Espacio Tangente (Burgos), Galería Chiquita Room, Instituto Cervantes, Injuve: “Silencio de los grandes Troncos”, La Casa Encendida “Fuego en la habitación”, “Invocations vol. I”- Macba, Loop Festival- “D’un rastre com un tall” (Barcelona) ou recentemente “Norte Agreste Silvestre” na Galeria Municipal de Oporto, Leira Haus (Lugo) ou no LEV Matadero Madrid, entre outros. Por outra banda a súa obra Inside the Microtubule foi galardoada no Festival Intersección da Coruña no 2020, e recoñecida co Premio “A Colectiva” e o “Premio Numax á Exhibición”, ambos na Sección Galicia. Tamén obtivo o “Premio Agag” ao mellor guión pola peza Memoria de Emerxencia no INTERSECCIÓN LAB, espazo de impulso á creación de proxectos audiovisuais en A Coruña.
As obras que conforman esta exposición exploran a fronteira entre o mundo tecnolóxico e o natural, creando escenarios virtuais e íntimos que nos somerxen a través da percepción e a influencia da luz na vida e a supervivencia entre especies e como o devir tecnolóxico engadiu unha relectura sobre o transhumanismo e o desenvolvemento afectivo coas máquinas que nos rodean.  Un dispositivo que reflexiona como a virtualización da natureza nos afecta e distancia da realidade, minguando os instintos, cada vez máis adormecidos.  
Dende unha posición crítica postulase un descoñecemento do  hábitat  en relación ao entorno natural dende unha visión global de Galicia. Os dispositivos tentan transmitir unha intuición do carácter misterioso do entorno material. Nunha mestura do máxico co virtual e íntimo a artista propón unha exploración dende o humano e o seu contexto, fusionando natureza, mundo interior e artificialidade, e explorando novas fórmulas sensibles na percepción do entorno. A cámara convértese nunha ferramenta fundamental de activismo transmitindo unha intuición de carácter misterioso sen revelar nunca o segredo. A artista é consciente das nosas sospeitas máis imaxinativas e móstranolas sen dar respostas claras, mirando de esguello, e, sobre todo, dende  dentro.

FOLLETO