Home » Exposicións » AMPARO SEGARRA. PAISAXES

AMPARO SEGARRA. PAISAXES

Imaxe: Paisaxes


7 xuño, 2024 – 2025
Sala Amparo. Segundo andar.

Unha das cuestións máis importantes no proxecto constructivo de Amparo Segarra son o espazo e o lugar onde se desenvolve a escena. Un concepto que forma parte destacada a nivel persoal dende o desenvolvemento do seu traballo de actriz ata a propia representación dun espazo onde colocar un amplo elenco de personaxes, elementos ou fraccións dos mesmos, para manipulalos ou unificalos nun amplo espectro de posibilidades.

Dentro do contextual o campo convértese no espazo da acción, poboándose de seres, obxectos descontextualizados, máquinas, animais ou fragmentos do propio corpo, conformando un escenario que se converte nun interrogante para o espectador. Un campo aberto onde apreciamos a presenza de animais tratados de forma individual ou como grupo ou manada. Neste contexto destaca o especial tratamento da natureza sobresaíndo a presenza das árbores, dende bosques ata pezas que serven de soporte da acción representada pola artista.

Outro lugar recorrente é o deserto, un territorio utilizado en diversas pezas e de diferente forma, como podemos ver en colaxes como Cactus, onde este elemento natural organiza unha escena na que destaca a cor laranxa en contraposición á distribución dos personaxes que realizan diferentes accións.

Por outra parte, o contexto urbano con referencia á arquitectura historicista onde atopamos relacións ao mundo clásico a través da ruína grecorromana, contextos orientalistas cargados de exotismo ou fragmentos de rúas e prazas de culturas sudamericanas.

Outras referencias á paisaxe preséntanse como zonas residuais ou abandonadas desde cascalleiros a vertedoiros, paisaxes marítimos co mar nas súas diferentes acepcións, dende a praia no solpor ata referencias estivais coa selva como pano de fondo, ademais das paisaxes invernais, xeados ou polares, en relación directa aos Estados Unidos ou aos polos.

Existen outro tipo de relacións paisaxísticas como o contexto rural que fai referencias, nalgúns casos, localizacións específicas como son o Toro de Osborne ou os muíños de vento da Mancha.

Eduardo Valiña. Comisario

FOLLETO