Home » Exposicións » CATROCENTOS METROS ENTRE GRANELL E MASIDE

CATROCENTOS METROS ENTRE GRANELL E MASIDE

Imaxe: 400 metros entre Granell e Maside

30 maio, 2024 – 2025
Salas 2, 3. Segundo andar

Eugenio Granell e Carlos Maside foron dous artistas galegos que coincidiron no mesmo espazo en distintos tempos, con só unha diferencia de 15 anos.
Carlos Maside, orixinario de Pontecesures, naceu o 16 de marzo de 1897. O pintor medra nunha pequena vila rural que lembra con moito agarimo na súa vida adulta. Unha gran parte da súa obra pictórica toma inspiración nesas imaxes da vida cotiá de cando era pequeno: as feiras, os postos ambulantes, as cacharreiras…
A inocencia deste neno desapareceu cando tiña 15 anos e viviu a morte do seu pai, deixando os seus estudos para comezar a traballar. A súa formación artística e social foi completamente autodidacta. Carlos Maside pertenceu ao grupo Novecentista, un conxunto de artistas que se autoproclamaban laicos, cívicos e demócratas, que apostaban por unha próspera Segunda República. Con trinta anos, Maside puido permitirse viaxar a París grazas a unha beca para estudar a técnica do gravado.

Eugenio Granell naceu en A Coruña no 1912 e medrou en Santiago de Compostela. Do mesmo xeito que Maside, lembra constantemente a súa infancia coma unha experiencia positiva que condicionou o seu desenvolvemento artístico no futuro. Granell comezou a súa carreira artística dende pequeno tocando o violín. Aos 16 anos múdase a Madrid para continuar os seus estudos de violín na Escola Superior de Música de Madrid, gracias a unha beca que recibiu por parte da Deputación da Coruña. O mozo Granell sitúase politicamente, non por unha situación tráxica coma a de Maside, senón que ten a oportunidade de dialogar con figuras políticas e literarias. Na súa estadía en Madrid, Granell milita no P.O.U.M. e nun acto político ten a súa primeira toma de contacto coa arte surrealista.
Estas dúas narrativas seméllanse en moitos aspectos; os dous artistas foron fortemente marcados pola súa infancia, viaxan (en idades moi diferentes) para ampliar o seu coñecemento artístico e sitúanse politicamente a unha idade moi nova. A partires do estalido da Guerra Civil Española no 36, cada un atopará distintas maneiras de sobrevivir á guerra e á ditadura.
No período da Guerra Civil, Granell participa activamente no conflito para máis tarde exiliarse dende París a Latinoamérica no 1939. Neste momento coñecerá a súa compañeira Amparo Segarra, coa que inicia unha nova vida na República Dominicana.

Carlos Maside fora profesor de debuxo dende 1937 ata 1939. Maside queda nun estado de desemprego e pobreza no que o único recurso económico que ten é a súa obra, que será censurada e vetada de todo ámbito público. O pintor era un marxinado no seu propio país. Mentres, Granell, atópase nun exilio que o leva por diferentes países do Caribe e Nova York. O pintor de Pontecesures illouse na cidade de Santiago de Compostela, vivindo o que se denominou Exilio Interior.
Dúas maneiras diferentes de sobrevivir, un período clave para que os dous artistas poidan atopar a súa voz artística.
Granell afonda a súa relación coa plástica a través do surrealismo e Carlos Maside, a finais dos anos 40, comeza unha etapa de alienación do seu propio interese pola loita política e social.

Eduardo Valiña. Comisario

FOLLETO