15 maio, 2024 – 2025
Sala 1. Segundo andar
Mostra conmemorativa do centenario do Primeiro Manifesto do Surrealismo publicado en 1924 en París por André Breton (1896-1966).
Breton, principal teórico e fundador do movemento, inicia un novo camiño que sigue activo actualmente dende as propostas que desenvolven os diferentes grupos surrealistas activos en diferentes partes do planeta.
O surrealismo, tras a devastación da Primeira Guerra Mundial, buscará novos modos de expresión artística e literaria para converterse nunha concepción verdadeira do mundo. Breton concibe o surrealismo como automatismo psíquico puro, onde se expresa o pensamento sen a intervención da razón e sen preocupacións estéticas ou morais, liberando a arte e a literatura das restricións racionais e fusionando a realidade e o soño. A escritura automática suporá un medio sen censura nin planificación previa onde os soños e estados alterados de conciencia son empregados como fontes de inspiración. Explorar o inconsciente revelará verdades máis profundas sobre a natureza humana como consecuencia das influenzas da psicanálise freudiana.
Esta exposición confórmase como un relato onde se mostra o propio manifesto, acompañado de obras dalgúns dos autores nomeados no texto como son o propio André Breton, así como Marcel Duchamp, Pablo Picasso, Max Ernst ou Vlady Sergé, entre outros.
A parte dedicada a Eugenio Granell destaca con obras relacionadas directamente con André Breton, onde encontramos un cadáver exquisito no que tamén participou Wifredo Lam.
Eduardo Valiña. Comisario