
Do martes 14 ao sábado 18 de maio
XORNADA DE PORTAS ABERTAS
Con motivo do Día Internacional dos Museos a Fundación organiza unha xornada de portas abertas dende o martes 14 ata o sábado 18 de maio. Poderase visitar o museo gratuitamente no horario habitual.
Na BIBLIOTECA mostrarase unha selección de destacados documentos surrealistas pertencentes ao Arquivo Eugenio Granell, relacionados coa celebración do aniversario do Manifesto Surrealista.
A MIÑA PEZA FAVORITA
Martes 14, 19.00h
Abraham Pérez y Alba L. Porto
Actividade que se iniciou no ano 1997 e consiste en seleccionar unha peza, entre todas as que forman parte das coleccións da Fundación Eugenio Granell, para que o invitado elabore un comentario persoal cunha nova visión desde unha perspectiva actual.
Esta actividade está aberta a calquera persoa interesada tanto na Fundación como na arte ou na figura de Eugenio Granell, contando tamén coa participación de persoas relacionadas con diversos ámbitos como a arte, a educación ou a comunicación.
Alba López Porto (Lugo, 1989) Licenciada en Economía pola Universidade da Coruña e Máster en Xestión do Mercado da Arte pola Universidade Rey Juan Carlos de Madrid. No 2023 funda a Galería NÉBOA en Lugo. Unha galería na que se pretende poñer en valor a arte galega contemporánea. Xerar coñecemento, posicionar o traballo dos/das artistas no ámbito nacional e internacional e traballar coa máxima esixencia e excelencia.
VISITA CONSERVADA. OUTRA MANEIRA DE VER UN MUSEO
Xoves 16 maio, 12:00-13:30 / 18:00-19:30
Prazas limitadas -8 persoas máximo- entrada gratuita
Inscribirse en: restauracion@fundacion-granell.org
Imos dar un paseo polo museo da fundación na compaña da nosa conservadora-restauradora que “lerá” o contido e os espazos dende un punto de vista técnico, cun discurso accesible ao público non especializado, contándonos os distintos traballos que realiza o equipo do museo.
Ensinar o valor do que temos e os traballos dos profesionais tamén axuda na conservación preventiva do noso patrimonio.
PRESENTACIÓN BOLD
Martes 14, 17:30h
Exposición-presentación xornalística
A partir da publicación realizada no obradoiro de deseño e medios xornalísticos, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, realizaremos unha intervención que constará, por unha banda, dunha parte visual, amosando o resultado gráfico, e por outra, narrativa, coa lectura e debate dos contidos desenvolvidos na publicación.