5 outubro, 2023 – 2024
Salas 2 e 3. Segunda planta
O martes 10 de outubro, ás 19:00h, a Fundación Eugenio Granell inaugurou a exposición A escena do xogo. Eugenio Granell. Un proxecto comisariado por Eduardo Valiña que poderá visitarse no segundo andar do museo.
É por todos coñecida a faceta coleccionista de Eugenio Granell que sustenta o seu grande patrimonio distribuído nun inxente legado disociado en arte surrealista, étnica e mesmo a súa propia produción.
Máis aló do soamente artístico vencellado a unha autoría concreta, agroman outros elementos que conforman ese universo tan amplo e intricado que forma un todo no que entran aparellos inclasificables, pezas patrimoniais ou outros elementos que por algún motivo non aparente tiveron unha profunda importancia para acompañar a Granell ao longo dos anos.
Neste senso, unha das parcelas máis atractivas e menos amosadas do artista son os seus xoguetes, parte deles relacionados cos diferentes lugares onde habitou o artista coa súa familia e outra parte como fetiches que nos trasladan a momentos e espazos concretos, onde xurdiron algunhas das pezas granellianas máis representativas.
Esta mostra pretende funcionar como presentación dunha faceta menos coñecida de Granell relacionándose co xogo a través dos propios elementos pero acompañándose doutros elementos como son fotografías ou material bibliográfico.
O xogo resulta un elemento artellador dentro da vangarda e sobre todo no surrealismo. O artista crea xogos a través de diferentes recursos como a palabra. Noutros casos, a través do trazo automático consegue xogar unha sorte de incertezas que agroman nas diferentes obras.
Neste caso as coleccións confórmanse tamén coma un enorme xogo cheo de apostas onde gañar ou perder forma parte da vida mesma, un reflexo de trampas e personaxes escuros que nos achegan a un escenario que nos converte en protagonistas dunha aposta na que inevitablemente teremos que participar.
Eduardo Valiña
Comisario da mostra