13 xullo – 8 outubro
Salas 4 e 5. Primeira planta
O vindeiro, xoves 13 de xullo, ás 19:00h, a Fundación Eugenio Granell inaugura a exposición Rúa Cervantes: A arte da colaxe de David Coulter, un proxecto comisariado por Allan Graubard, que poderá visitarse ata o 8 de outubro.
“Esta é a historia. Cando visitamos Madrid, a pensión na que Kate e mais eu adoitamos aloxarnos está na rúa Cervantes, no barrio das Letras. Había unha lavandería ao final da rúa, preto da esquina coa rúa León. Á beira da lavandería, había un bordel moi discreto (poida que non tanto). Quen sabe, poida que siga aí.” (David Coulter, comunicación persoal, 2022).
Un lugar real, un lugar imaxinario, un lugar para vivir e percorrer, un lugar para soñar e transformar, o cotián impregnado de aventura a cada paso. Este lugar identificado polo seu nome —o mellor autor español, cómico e tráxico, realista, fantasioso e comentarista do que foi— fala con precisión da arte de David Coulter. É tamén onde vive David e onde a súa arte arraiga e florece.
A rúa Cevantes é un lugar onde a comedia refina as máscaras contemporáneas, e o que é transfórmase no que pode ser, o que o desexo busca e a imaxinación concede. Desde a rúa cara arriba, coma sen peso, David Coulter explora o noso mundo contemporáneo neste seu teatro de imaxes. A súa é unha arte inquieta. Con man de pintor e delicadeza de cirurxián, traballa as súas colaxes, ricas en historias que tan ben coñecemos, alimentadas por temas cos que tanto lidamos: desde a enfermidade ata os nosos conflitos sociais, culturais, políticos e persoais e todas as risas, amores, escusas, enxeño, loitas, xogos, esperanzas, alegrías e desesperacións que eles e nós conxuramos. Eclecticamente atraído por ilustracións de revistas, libros infantís, carteis de cinema, libros de texto, o que sexa que o intriga ou o atrae. David Coulter constrúe mundos alternativos. Non sexa tímido. A porta está aberta. Entre. Neste teatro espéranlle a sorpresa, a paixón, a crítica e o humor…
Allan Graubard. Comisario