
22 xuño – 10 setembro
Salas 2 e 3. Segunda planta
O proxecto “Conexións surrealistas. Colmeiro, Granell e o Surrealismo no exilio” pretende unha lectura do impacto do movemento surrealista na obra do pintor Manuel Colmeiro na décadas dos trinta e corenta e mostrar os puntos de conexión coa obra de Eugenio Granell, pintor da mesma xeración e figura de referencia do surrealismo desde os anos corenta, ambos con traxectorias vitais marcadas polo exilio e pola súa presenza en América Latina.
Como pano de fondo destas afinidades estéticas está o contexto do exilio republicano en América, que une ambos os pintores, e a relación coa diáspora que provoca en figuras centrais do surrealismo a caída de Francia en 1940 en mans dos nazis, un éxodo de artistas e intelectuais que, como é coñecido, tivo un singular impacto nos Estados Unidos e en México. A presenza na mostra de obras e documentos de André Breton, André Masson, Wifredo Lam, Wolfgang Paalen, Esteban Francés, Óscar Domínguez, César Moro ou Roberto Matta, todas da Colección Granell, evidencia esta enleada e fructífera rede de ligazóns que tivo unha importancia fundamental na evolución da arte, sobre todo nos anos da Segunda Guerra Mundial.
Na diáspora americana, e neste contexto xenérico, Colmeiro e Granell partillan preocupacións sociais e certos puntos e procesos de evolución comúns, dentro dunhas linguaxes e propostas fortemente persoais. Viven o exilio en xeral como unha realidade conflitiva, tentando tamén a integración nunha realidade nova na cal irremediabelmente teñen que realizar o seu labor. Esta integración vai acompañada dun esforzo actualizador das súas linguaxes, ligado ao contexto internacional e ao americano en particular.
Entre as obras de Colmeiro destaca a serie de cabezas de afogados que foron elaboradas nunha linguaxe cos ecos surreais, que o artista xa ensaiara en obras de comezos da década dos trinta, e que será ben común na arte de guerra no bando republicano, nestas obras renova, adaptadas á nova situación, a ligazón entre o mundo intelectual republicano e galeguista e o mundo popular, representado agora nas figuras das vítimas da guerra.
En Granell, como en Colmeiro, tamén aparecen nos anos corenta cabezas exentas, velaí o seu Autorretrato (1944), dun estilo figurativo que salienta a cabeza en primeiro plano e un fondo con decoración amébica que se combina co onírismo da figura. Nesta liña do retrato surrealista, entendido como proxección dos desexos e ao tempo como reflexo/desdobramento do eu, Granell realiza obras como Autorretrato de indio (1945) en que as referencias formais a Picasso son evidentes mais interpretadas cunha sólida ligazón ao mundo indíxena, que se manifesta nos trazos físicos e nos pormenores étnicos.
Carlos L. Bernárdez
Comisario