Home » Exposicións » ESCENARIOS DA PAIXÓN. HOMENAXE A MARÍA CASARES

ESCENARIOS DA PAIXÓN. HOMENAXE A MARÍA CASARES

Imaxe: Escenarios da paixon. Homenaxe a Maria Casares

Exposición dos artistas Isabel Pintado e Alfonso Costa
20 abril – 25 xuño, 2023
Salas 4 e 5. Primeira planta

Escenarios da paixón. Homenaxe a María Casares é unha exposición na que Alfonso Costa e Isabel Pintado presentan a súa particular homenaxe plástica á xenial actriz, sen esquecer a reflexión sobre as significativas relacións entre a Pintura e o Teatro. Pintado e Costa, prolíficos artistas de longa e recoñecida traxectoria, entenden esta homenaxe como un acto de amor e de xustiza a prol desta insigne galega de quen, no pasado ano, se cumpriu o centenario do seu nacemento. María Casares (A Coruña, 21 de novembro de 1922 – Alloue, Francia, 22 de novembro de 1996) é xa un mito da interpretación; non en balde, Francia –onde se forxou e se expresou o seu excepcional talento- celebrouna cos máis importantes recoñecementos mentres en España era silenciada pola ditadura franquista. Así pois, esta mostra organízase en torno a esta fascinante figura, non só multifacética actriz senón tamén testemuña directa de tráxicos e decisivos acontecementos históricos e, tralo seu exilio, vinculada co máis graúdo da intelectualidade francesa de mediados do século XX (Cocteau, Artaud, Camus…). Escenarios da paixón é un achegamento pictórico que percorre as diferentes etapas da súa vida e da súa actividade interpretativa, escollendo como soporte, ademais do lenzo e do papel, a paleta en formatos e tamaños diversos xa que, dalgún xeito, a paleta é o escenario de quen pinta, ese lugar onde dispón e mestura as cores que van dar vida á obra; tal como fai quen actúa, poñendo en orde as emocións que configuran a personaxe e a historia a representar.
A “posta en escena” desta exposición nas salas da Fundación Eugenio Granell rememora asemade a relación de afecto e de admiración que o gran artista Eugenio Granell ten manifestado, no seu libro Memorias de Compostela, á familia Quiroga Casares, veciña –na rúa Panadeiras da Coruña– da familia do pintor cando María era unha nena. Unha infancia galega que a actriz confesou como o máis profundo e inextinguible territorio do seu ser.

FOLLETO