Conferencia A América vivida por Eugenio Granell
Pilar Cagiao Vila
1 de marzo de 2023, 19.00h
A consecuencia do seu exilio, Eugenio Fernández Granell viviu gran parte da súa vida en distintos lugares de América. Como a percibiu e en que medida influíu as súas experiencias ou cales foron as relacións que estableceu en cada un dos países polos que transitou son algúns dos aspectos sobre os que o seu legado documental permite demostrar que América e o americano constituíron unha parte esencial, non só da súa traxectoria vital senón tamén das súas inquedanzas intelectuais.
Pilar Cagiao Vila é Profesora Titular de Historia de América e coordinadora do Grupo de Investigación HistAmérica na Universidade de Santiago de Compostela. Entre as liñas de investigación que veu desenvolvendo ao longo da súa traxectoria académica destacan as relativas aos movementos migratorios e as relacións culturais entre España e América. Arredor destas temáticas impartiu diversos cursos como profesora invitada en varias institucións académicas latinoamericanas de países como Brasil, Uruguay, Costa Rica, El Salvador e Ecuador.
Os Encontros Americanos na Granell, que se inauguran nesta ocasión coa conferencia da Profa. Cagiao Vila, teñen como fin ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América. Consistirán nun programa de conferencias mensuais que abordarán temas culturais, políticos, sociais, económicos o de actualidade, de interese público e carácter divulgativo.
Terán lugar na Fundación Eugenio Granell e estarán organizadas polo Grupo de Historia de América (HistAmérica) da USC.
Os seus participantes serán especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, así como profesionais vencellados á realidade americana nas súas múltiples facetas.