Home » Exposicións » INSANIA. IVÁN PRIETO

INSANIA. IVÁN PRIETO

EXPOSICIÓN: INSANIA. IVÁN PRIETO
16 febreiro – 9 abril
Salas 4 y 5. Primeira planta

O vindeiro xoves 16 de febreiro, ás 19:00h, a Fundación Eugenio Granell inaugura a exposición INSANIA do artista Iván Prieto. Un proxecto comisariado por Lucía Carballeda Suárez que poderá visitarse, no primeiro andar do museo, ata o 9 de abril.
Iván Prieto é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid no 2002, completa a súa formación artística na Hogeschool voor de Kunsten en Holanda entre o 2002 e o 2003. Comeza a expor a principios dos 2000, cunha importante traxectoria na que desenvolve proxectos en diferentes países europeos e na China. Fixa a súa residencia en Galicia despois dunha etapa entre Berlín e España.

A exposición supón unha revisión de diferentes liñas de investigación tendo como base do traballo a figura humana dende ópticas que o vencellan á formulación do surrealismo, onde atopamos miradas en relación á cultura freak, referentes cinematográficos e outros compoñentes que xeran un escenario ateigado de seres que conforman un universo andróxino e surreal.

A mostra componse de diversos grupos escultóricos onde destacan distintas instalacións, conformando un percorrido que toma como punto de partida persoas da súa contorna e vivencias propias que reflicte en escenas simbólicas. A premisa surrealista da liberación do subconsciente faise patente en obras como Pájaros en la cabeza ou no cúmulo de pensamentos ao que se asiste en Craziness.
As representacións femininas e masculinas andróxinas manifestan as imperfeccións e rarezas do ser humano na sociedade actual, “afastándose do cotiá para crear un universo propio”. Nas súas personaxes, híbridos entre o humano e o animal, as emocións adoptan forma de disfrace cuxas máscaras, en palabras da comisaria, “funcionan como parapetos dos que se valen as súas figuras para soportar a realidade”.

FOLLETO