INTERVENDRÁN:
- Paco López-Barxas, Autor da obra.
- Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística. Xunta de Galicia
- Claudio Rodríguez Fer, Profesor da USC e escritor. Especialista na obra de Eugenio Granell e Álvaro Cunqueiro.
- Armando Requeixo, Coordinador de actividades e publicacións da Casa Museo Álvaro-Cunqueiro.
Personaxe fantasmal dunha historia de Álvaro Cunqueiro é unha peza teatral da autoría de Paco López-Barxas publicada pola Casa-Museo Álvaro Cunqueiro co apoio do Concello de Mondoñedo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Formulada como unha dramatización ficcionada de sucesos reais, nesta peza López-Barxas achéganos á celmosa relación amigable e artística que uniu a dous grandes intelectuais galegos como foron Álvaro Cunqueiro e EugenioGranell.
En esencia, Personaxe fantasmal dunha historia de Álvaro Cunqueiro recrea os encontros mantidos entre o mindoniense e o coruñés escolmando tres deles que se corresponden con momentos vitais ben diferentes: o primeiro, na atardecida do 17 de xullo de 1936 na Porta do Sol en Madrid, unhas horas antes do estourido bélico; o segundo, o envío dunha carta de Cunqueiro a Borobó en 1953 onde lle fala de Isla cofre mítico de Granell; finalmente, o terceiro reúne ao propio López-Barxas en conversa con Granell a propósito dun suplemento xornalístico arredor de Cunqueiro publicado en 1991, ano no que se lle dedicaron as Letras Galegas ao de Mondoñedo.
A obra, escrita nun acto único dividido en tres escenas, é unha admirable homenaxe ás figuras de Cunqueiro e Granell e pon de relevo non só a fraternal amizade que os vencellou, senón tamén o universo de complicidades e converxencias que as súas xeniais obras teceron, todo da man do talento literario de Paco López-Barxas, excelente coñecedor de ambos os dous creadores.