Home » Actividades » A MIÑA PEZA FAVORITA.

A MIÑA PEZA FAVORITA.

O vindeiro martes 29 de novembro ás 19:00h. a Fundación Eugenio Granell presenta unha nova edición da A miña peza favorita, unha actividade que se inicia no 1997 e consiste en seleccionar unha ou varias pezas de entre as que forman as Coleccións da Fundación Eugenio Granell para que o convidado elabore un comentario persoal. Trátase dunha proposta aberta a calquera persoa interesada tanto na Fundación, coma na arte ou na figura de Eugenio Granell.
Nesta ocasión contamos coa aportación de Lucía C. Suárez, que partindo do óleo Las galas de Nadja de Eugenio Granell desenvolverá unha conversa en formato podcast, acompañada polo comisario Íñigo Rodríguez Román e o escultor Iván Prieto.
-“Las galas de Nadja” e, por moitos motivos, a miña peza favorita de tódalas que forman parte dos fondos da Fundación Eugenio Granell, coa que sempre estarei encantada de colaborar e a que me une unha relación moi especial.-
Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, está especializada en arte contemporánea. Completa a súa formación con un Máster en Edición Periodística e un Posgrao en Xestión e dirección de Industrias Culturais.
Ademais de desenvolver a súa faceta profesional en diferentes institucións culturais (Fundación Granell, Museo Nacional de Ciencia y Tecnología ou A Cidade da Cultura) ten traballado en informativos de televisión e colabora con diferentes medios e revistas especializadas.
Trala apertura da galería Federica No era Tonta en Santiago de Compostela e despois de varios anos en Madrid onde desenvolveu a súa carreira levando a sede de Delimbo gallery e colaborando con festivais como PhotoEspaña, dirixe na actualidade a galería Dupla en Compostela. No plano académico forma parte do equipo docente do Instituto de Xestión Cultural e Artística, da Universidad Europea Miguel Hernández e é doctorando da USC.