Home » Exposicións » EXPOSICIÓN DA BIBLIOTECA EUGENIO GRANELL

EXPOSICIÓN DA BIBLIOTECA EUGENIO GRANELL

Fotografía: Exposicion Biblioteca Fundación Granell

14 Xullo – 9 Outubro, 2022.
Salas 4 e 5. Primeira planta

“Pro captu lectoris, habent sua fata libelli = Según la capacidad del lector, los libros tienen su propio destino”.

Maurus, gramático latino, S.II.

Esta exposición que se mostra nas salas 4 e 5 da primeira planta presenta unha pequena selección do rico patrimonio documental doado por Amparo e Eugenio Granell á Fundación e que conforman os fondos do Arquivo Biblioteca Eugenio Granell.

A mostra presenta unha selección dos materiais máis destacados como cartas, libros dedicados, ou folletos.

Nas vitrinas das salas 4 e 5 poden verse estes documentos de amigos e intelectuais do seu tempo residentes nos diversos países onde Eugenio Granell e Amparo viviron o seu exilio. Exiliados españois, músicos e escritores como Enrique Casal Chapí, Juan Ramón Jiménez, Vicente Llorens, Segundo Serrano Poncela, Américo Castro, Jorge Guillén, Francisco Ayala, Patricio Escobal.

Outros intelectuais de fóra de España como os escritores Mario Monteforte Toledo, Luis Cardoza y Aragón, Eunice Odio, Julio Molina; e os profesores Enrique Luis Revol, Estelle Irizarry, Jaime Benítez e Risieri Fondizi.

Algúns dos documentos están acompañados por retratos realizados por Eugenio Granell aos seus amigos, así na sala 4 podemos ver os retratos de Enrique Casal Chapí, José Vela Zanetti, Juan Ramón Jiménez, e Jaime Benitez e tamén pequenos retratos que acompañan a algún dos documentos expostos nas vitrinas da sala 5.

De gran revelevancia foi a súa relación con Laxeiro a quen lle quere render unha homenaxe especial tamén por ser a personalidade festexada no día das Artes Galegas deste ano 2022.

A biblioteca de Eugenio Granell foi tamén a biblioteca de Amparo Segarra, a quen lle dedicamos unha vitrina con retratos seus feitos por Granell e acompañados de noticias de prensa da súa carreira como actriz e catálogos de arte que recollen obras creadas por ela coa técnica da collage.

Ademais da súa actividade como novelista e ensaísta, Granell tivo unha destacada actividade dentro do mundo do libro, como ilustrador de portadas. Seleccionamos algunhas das máis significativas que poden verse nunha das vitrinas da sala 4.

A paixón de Granell polos libros como eixe central da súa actividade intelectual tamén está rexistrada nas fotografías que se mostran na exposición de dúas das súas vivendas, unha en Nova York e outra en Madrid, onde Granell aparece rodeado de libros, obxectos e obras, que agora forman parte do legado artístico de Eugenio e Amparo.

Esta mostra conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.