Home » Exposicións » Dragóns: a arte de Eugenio F. Granell e de Rik Lina.

Dragóns: a arte de Eugenio F. Granell e de Rik Lina.

Fundación Eugenio Granell

EXPOSICIÓN: Dragóns: a arte de Eugenio F. Granell e de Rik Lina
15 xuño – 15 setembro, 2022
Salas 2 e 3. Segunda planta

“Case a diario, cando empezo a traballar no meu taller, fago debuxos rápidos de dragóns…Así comezo a traballar. Hai moito tempo que fago isto. Algunha vez lin por aí que Kandinsky lles aconsellaba o mesmo aos seus alumnos do Bauhaus e comentáballes que esta era unha práctica que viña dos mestres chineses. Eu certamente créoo así. É absolutamente zen: non pensar, senón facer ou non facer”. Rik Lina

“As lagartas de cristal pardo opaco, cunha lampadiña viva no seu interior, poñían en vibración os paralelogramos de flores silvestres e de herbas que cambiaban de matiz e posición ao último contacto cos raios solares”. Eugenio F. Granell, La novela del indio Tupinamba

As espléndidas obras de Eugenio F. Granell e de Rik Lina actúan reciprocamente en forma emblemática, distintiva. Ao situar a obra de ambos dentro dun tema amplamente concibido como o é o dos dragóns, faise evidente que ambos os artistas parten de fondos similares.

A experiencia do Caribe, onde viviu Granell durante dezasete anos, e Lina máis de sete, é decisiva. Para Granell, o Caribe significa un medio potente para formar unha visión individual, social e unha identidade nacional con raíces fundadas en relacións libres, abertas e recíprocas. A Lina, o Caribe revélalle valores paralelos, que se intensifican a través da súa devoción á exploración do mundo baixo o mar (submarino). Para ambos os artistas, a contorna tropical coas súas formas oceánicas, xeolóxicas e climáticas, a súa flora e a súa fauna, a exuberancia dos seus ciclos de expansión e decadencia, coas súas culturas indíxenas, colonial e migrante, a mestura de idiomas e a súa historia conflitiva informou non só a súa reacción, senón que lles infundiu o sentido da cor, dos espazos pictóricos, da figuración e da abstracción, así como a inspirada e maxistral improvisación da súa obra. No uso da cor e na maneira que lles dan ás formas, tanto na tea como no papel, e aos obxectos ordinarios, é claro que os guía a metamorfose. Aquí estamos onde reina o marabilloso. Tanto a realidade en que se viron enraizados no Caribe coma outras logran transformalas en forma brillante, bela e con humor. Non é, pois, esa a luz, ese o alento e esa a vida que esperamos da arte?

Dous mares separan e unen o vello e novo mundo: o océano Atlántico e o mar do Caribe. Non son acaso as mesmas serpes e os mesmos dragóns metafóricos os que foron enredando, torcendo e envolvendo as historias, os que axudaron a moldear a Granell e a Lina, e tamén parte da nosa herdanza colectiva? Lina di, referíndose a Granell e a si mesmo: “Ambos quixemos construír algo así como a escaleira de Jacob, entre as culturas da vella Europa e a nova Latinoamérica, con elementos que se orixinan en América Latina destinados a Europa (meténdonos de cheo nas culturas non occidentais, imbuímolas na nosa obra, para logo traelas connosco a Europa); así invertemos o colonialismo cultural”. O dragón, como concepto multidimensional, multivalente e metafórico, imbuído de igual forma en mito, literatura e arte, atópase coas súas formas análogas nesta exposición. Aquí encontrámonos co asombro e coa brillantez artística. Gocen…!

Allan Graubard
Comisario da mostra