Home » Exposicións » AZARES DE GRANELL EN ZINC E PAPEL

AZARES DE GRANELL EN ZINC E PAPEL

Fotografía: Exposición "Azares de granell en zinc e papel"

FUNDACIÓN MUSEO DE ARTES DO GRAVADO Á ESTAMPA DIXITAL. Ribeira
27 maio – 30 xuño, 2022

Ao longo da súa vida Eugenio Granell permaneceu unido cun fío de azar intermitente ao mundo do gravado – fortuna surrealista de imaxes e palabras entrelazadas-.

A historia do gravado permanece asociada ao desexo de comunicación, sendo un medio de difusión dunha imaxe, un texto ou unha idea. Así empregábao Granell nos seus artigos, a súa obra literaria e no material publicitario das súas exposicións, nas décadas dos anos 40 aos 70. Eugenio Granell observador incansable da riqueza creativa do mundo que o rodeaba, mostraba interese pola estética do gravado e o seu proceso creativo, proxectándoo nos seus estudos, clases, a súa biblioteca, e nas colaboracións puntuais para edicións especiais de libros. Destacan as súas augafortes e serigrafías para as edicións de: Les Iles Fortunées, La Kábala, Menú, etc. As súas mans dialogaron co movemento sonoro do punzón do gravador sobre a prancha de zinc, nun acto de total liberdade, para crear unha serie de gravados realizados, a partires dos anos 90, cunha clara intención artística, en colaboración cos estampadores: Anelys Boza, María Muñoz, Pedro Arribas, Xurxo Fabeiro e as galerías: EEGEE-3, La Kábala, Citania que souperon extraer o mellor da esencia de cada idea. Así, o mundo granelliano democratízase, grazas ao doce trazo da tinta chinesa mesturada co azucre, á liña rascada en verniz da prancha de zinc. Texturas e tintas traspasadas ao papel que renacen grazas ás palabras encantadas do seu universo literario. Proba de todo isto é esta recopilación de obra gráfica, pranchas e material bibliográfico pertencentes aos fondos da Fundación Eugenio Granell.